InicioPolíticaAgria polémica entre PP e PSOE de Burela pola subvención á Acia

Agria polémica entre PP e PSOE de Burela pola subvención á Acia

O candidato popular acusa ao Concello de reducir en 8.000 euros a axuda, mentres que os socialistas explican que se dividiu a contía ao asumir outro colectivo a Festa Castrexa

Publicada o

- Advertisement -

O Partido Popular (PP) e mailo PSdeG-PSOE de Burela polemizaron este mércores pola contía da axuda á Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos (Acia) do municipio.

O candidato do PP burelao, Manuel Rouco, cuestionou as cifras achegadas polo goberno local, que falou dun remanente de tesourería de dous millóns, e dubidou “de que exista realmente”.

O alcaldable dos conservadores afirmou que “o que si é certo é que este ano o concello de Burela foi un dos poucos da comarca da Mariña Lucense que veu diminuído o seu orzamento con respecto ao ano pasado, o que padece a veciñanza no día a día”.

Así, acusou ao Concello de reducir significativamente o diñeiro achegado ao tecido asociativo burelao. “As asociacións de Burela viron reducidas as aportacións municipais que viñan percibindo na época do PP. Concretamente, a Acia recibía entón 18.000 euros fronte aos 10.000 que lle foron asignados este ano”, argumentou Rouco.

“ESCAPAR AO SENADO”

O candidato do PP burelao sostivo que o alcaldable dos socialistas e rexedor na lexislatura que está a rematar, Alfredo Llano, “incumpriu todas e cada unha das súas promesas electorais”, e afeoulle “a estratexia” de “escapar cara o Senado deixando Burela en mans do señor Fernández Rey”, o tenente de alcalde dos socialistas.

DIFIREN NAS CONTAS ECONÓMICAS

A comisión executiva do PSOE de Burela emitiu un comunicado no que explicou que a subvención que recibe a Acia “foi rebaixada mediante un acordo coa propia agrupación de comerciantes e coa recén creada Asociación da Festa Castrexa. Ao desvincularse a Acia da organización dos festexos, esa diminución beneficiará ao novo colectivo que se vai encargar deles”, expuxeron.

Os socialistas aseguran que o Concello “ten débeda cero a día de hoxe e os veciños poden durmir tranquilos sabendo que non lle deben nada a ninguén. Traballo custou, pois cando entrou o goberno socialista o Concello no 2015 tiña por saldar con distintas entidades bancarias unha contía que superaba o millón de euros”, indican.

TACHAN A ROUCO DE “TRAMPOSO”

No tocante ás críticas de Rouco a Llano, o PSdeG-PSOE de Burela pregúntase “que lexitimidade ten” para facelas o alcaldable popular, a quen cualifica de “tramposo”.

Os socialistas acusaron semanas atrás ao candidato do PP de exercer irregularmente desde 2014 como xuíz de paz de Cospeito, ao non cumprir os requisitos de carecer de afiliación política e residir no municipio.

Rouco respondeu daquela que deixara “voluntariamente” o cargo e subliñou que fora nomeado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), polo que suxeriu que os socialistas acusaban “a un Alto Tribunal de prevaricación”. O PSdeG esíxelle ao candidato do PP que “devolva os cartos” percibidos durante o exercicio do cargo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...