O presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Lourenzá (Acial), Javier Huertas, formará parte da candidatura do PSOE para as próximas eleccións municipais, que liderará a alcaldesa, Rocío López.
Así o anunciou este venres a rexedora socialista, trala celebración da asemblea na que foi aprobada por aclamación a listaxe electoral presentada.
López afirmou que o voceiro do equipo de goberno, Manuel Arango, “aparece nos primeiros postos de dita candidatura”. Segundo expuxo a rexedora, o PSOE informará “nos vindeiros días” das persoas que integran a listaxe.
López mostrouse moi satisfeita de que Huertas aceptara formar parte da candidatura que os socialistas laurentinos presentarán aos próximos comicios locais.
“Imos presentar un equipo moi forte e cohesionado que representa o conxunto da sociedade de Lourenzá e co que queremos seguir impulsando uns servizos públicos de calidade”, remarcou.
“HONESTIDADE”
Pola súa banda, Huertas subliñou que “empezo unha nova etapa na que decidín ofrecer parte do meu tempo a Lourenzá e na que teño a confianza de que, ao igual que noutras etapas da miña vida, conseguirei manterme firme nas miñas conviccións e honestidade co obxectivo de mellorar o concello”.