Tras anunciar o seu candidato, o xoieiro Óscar Rodríguez Blanco, e tamén que o concelleiro Javier Teijeiro López irá na listaxe electoral para as próximas eleccións locais, o PP de Viveiro segue a avanzar nomes de integrantes da súa candidatura.
Desta volta, os populares viveirenses anunciaron a suma de Alicia Meitín Cordido, María Inmaculada Nespereira Domínguez, Teresa Pérez Rodríguez e Antonio Lage Seara, este último outro dos edís do partido conservador na corporación municipal.
Nespereira, profesional do eido sanitario, é técnico de coidados auxiliares no Hospital Público da Mariña. Ex atleta na especialidade de lanzamento de xavelina a nivel nacional e internacional, disciplina deportiva que practicou como atleta de elite durante 25 anos.
Meitín, graduada en Traballo Social, é docente nun obradoiro de emprego no concello de Muras promovido polos municipios do Vicedo, Muras e Ourol. Pérez, pola súa banda, é licenciada en psicoloxía e dirixe o centro de coaching E-Movere, en Viveiro.
Lage Seara, graduado en Organización de Eventos e Relacións Institucionais, é especialista en xestión do patrimonio cultural e ocupa o cargo de presidente das Novas Xeracións (NN XX) do PP en Viveiro.
“PERFÍS COMPLEMENTARIOS”
Trátase, segundo precisa o cabeza de listaxe dos populares, “de elaborar unha candidatura con perfís diferentes que se complementan entre si para ofrecer o mellor proxecto para os vindeiros catro anos”.
Rodríguez gábase de “poder contar con xente como Alicia, María Inmaculada, Teresa e Antonio, persoas novas, moi preparadas, traballadores e comprometidos con este proxecto”.