O goberno de Foz sacou adiante no pleno do pasado luns o orzamento municipal para 2019, grazas á abstención de Foz Plataforma de Futuro (FPF). Ambos partidos negociaron ao longo das últimas semanas as contas, que prosperaron cos votos dos cinco edís do PP.
O alcalde de Foz, o popular Javier Jorge Castiñeira, remarca que malia gobernar en minoría “o Concello logrou aprobar, por cuarta vez consecutiva, os presupostos, grazas a súa capacidade negociadora cos grupos da oposición”.
Segundo precisou o rexedor, os orzamentos municipais estarán a exposición pública un mes.
As contas inclúen un plan de emprego de 120.000 euros, solicitado por FPF, e permitirán “mellorar os nosos servizos sociais, cun novo asistente social, e duplicar o que temos actualmente. Era unha demanda que se viña solicitando no noso concello e este ano 2019 vai ser unha realidade”, indica.
Castiñeiras felicitouse porque, asegura, “xa se poderán facer efectivas as axudas de acceso á residencia de maiores. Con estes orzamentos podemos ademais cumprir o pacto cos traballadores, resultado de aprobar a RPT hai poucas semanas. Vainos permitir tamén licitar a canceira tan demandada, posto que existe un convenio coa Deputación no que o Concello debe aportar unha parte proporcional, que vai nos orzamentos”, explicou o rexedor.
PACTOS
O alcalde subliña que “é importante ter uns orzamentos aprobados. Neste caso foi co apoio de FPF, como o ano pasado, pero na primeira parte da lexislatura aprobáronse co apoio do BNG. Con isto rematamos unha lexislatura na que o equipo de goberno cumpre coas súas responsabilidades. Aprobamos uns orzamentos para este ano e a próxima corporación poderá utilizalos”, concluíu.