En doce días, as 40.000 divisas “acuñadas” foron cambiadas por euros na oficina bancaria que colabora co Concello de Ribadeo e coa Acisa na posta en marcha da iniciativa.
O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, destacou o “tempo récord” no que se distribuíu a moeda, que se puxo en circulación o pasado 4 de abril.
“Isto pon no mercado un diñeiro moi importante neste período, se cadra algo baixo desde o punto de vista comercial, con excepción desta Semana Santa“, subliñou o rexedor.
O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, asegurou que o “éxito” superara as expectativas dos comerciantes.
“Era a primeira vez que se facía e había que explicarlle á xente como funcionaba isto, pero axiña o entenderon”, comentou sobre a labor dos técnicos que deseñaron a campaña.
10.000 EUROS VENDIDOS
Segundo os datos achegados polos comerciantes á Oficina de Desenvolvemento Local, 10.000 das 40.000 panchas gastáronse xa nos establecementos que se adheriron á campaña.
Iriarte descatou que “o diñeiro está a ser moi repartido, que non se está gastando en dous ou tres sitios senón nos oitenta locais que participan”.
REFERENTE PARA A ZONA
Concello e Acisa coincidiron tamén en destacar o interese que a campaña espertou fóra de Ribadeo. Así, aseguraron que persoas doutros concellos da Mariña Lucense e do Occidente asturiano acudiron á localidade a cambiar os euros por panchas.
Ademias, Iriarte explicou que “asociacións de comerciantes de Galicia e Asturias se interesaran pola iniciativa. Neste senso, Suárez Barcia amosouse convencido de que a iniciativa servirá de modelo para outros concellos.
ATA O 5 DE MAIO
As panchas cambiadas poderán empregarse para os pagos ata o vindeiro 5 de maio, data na que rematará a campaña, que inclúe descontos do 25 por cento.
A información detallada sobre os establecementos adherido pode atoparse en panchamoedalocal.ribadeo.org.