InicioPolíticaCaballero en Burela: “cada voto ao PP é permitirlle a Vox decidir”

Caballero en Burela: “cada voto ao PP é permitirlle a Vox decidir”

O líder do PSdeG-PSOE apoiou a presentación da candidatura dos socialistas burelaos aos comicios locais, que encabezará de novo Alfredo Llano

Publicada o

- Advertisement -

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, visitou este xoves Viveiro e Burela, onde apoiou a presentación da candidatura dos socialistas burelaos, que liderará o alcalde, Alfredo Llano. No mitin, Caballero asegurou que “cada voto ao Partido Popular (PP) é permitirlle a Vox e á ultradereita decidir o futuro do país”.

Tras percorrer 3.500 quilómetros, no ecuador da campaña para os comicios xerais, Caballero expuxo que “as enquisas van moi ben, pero queremos gañar as eleccións”, afirmou.

Cada voto é moi importante”, lembrou, ao tempo que argumentou que “non nos podemos arriscar a que a ultradereita teña abertas as portas da Moncloa por un só sufraxio”, recalcou o máximo responsable do PSdeG, para chamar á “mobilización masiva” e a que “ninguén quede na casa” o 28 de abril.

Caballero afirmou que a dereita está “desnortada” e disposta a pactar cunha ultradereita que representa “un risco de involución”.

Tamén participou no mitin socialista a cabeza de lista ao Congreso pola provincia de Lugo, Ana Prieto, que destacou que “a decencia volveu á política española” tras unha moción de censura que desaloxou ao goberno do PP, “un partido manchado pola corrupción” e que puxo en marcha “os maiores recortes ao estado do benestar”.

César Mogo, número un ao Senado por Lugo, apelou a que o goberno socialista poida continuar a súa tarefa a partires do 28 de abril, despois de dez meses nos que “subiron as pensións, o salario mínimo e se restableceu o pago da cotización das coidadoras de dependencia. Sobre todo, porque a alternativa é unha dereita que segue o discurso que quere legalizar o odio”, sostivo.

Pola súa banda, o secretario xeral dos socialistas lucenses, Álvaro Santos Ramos, fixo fincapé na “ilusión” que xerou a chegada de Pedro Sánchez ao goberno, posto que España “recuperou a súa dignidade”.

BURELA, “PROTAGONISTA DE NOVO”

No tocante á candidatura do PSdeG-PSOE de Burela, Caballero afirmou sobre Llano que “é unha persoa que traballa polo seu concello todo o que pode e máis”, e augurou que volverá ter a vitoria nas urnas o vindeiro 26 de maio.

Llano aseverou que “neste mandato conseguimos que Burela recupere o protagonismo na Mariña e que perdera nos últimos anos co PP. E fixémolo mellorando os servizos sociais, sostendo a economía do Concello e acondicionando infraestruturas e dotacións públicas. Hoxe no Concello hai máis veciños menores de 20 anos que maiores de 65, porque lles demos facilidades para asentarse”, argumentou.

O mellor está por vir”, proclamou, tras destacar a ausencia de débeda e o superávit dun concello que ten veciños de 40 nacionalidades distintas.

CARMELA LÓPEZ (3) E TOÑI EIJO (6), NOVIDADES

Sobre a listaxe, Llano remarcou que “é unha candidatura representativa da sociedade burelense, na que hai dúas incorporacións novas, Carmela López (número 3) e Antonia Eijo (posto 6, a presidenta da comisión das festas patronais), pero que se trata dunha lista de continuidade, comprometida e que vai traballar, como vimos facendo nestes catro anos, por e para os veciños de Burela”.

Ademais de Llano, integran a lista Ramiro Fernández Rey, Carmela López Moreno, José Díaz García, Noelia María Ben Vázquez, Antonia Eijo Silvoso, Jose Manuel Fernández Rodríguez, Angélica Gómez Sánchez, Juan Pedro Eyras Cubo, Carmen Edith Ángeles Chumacero, Ramón Ramos Sánchez, María Elvira García López e Patricia Otero Rodríguez. Os suplentes son Marta María Amenero Castiñeira e Lucas Moreno Torres.

Caballeiro e Loureiro, entre outras autoridades, en Viveiro. AXM

VISITA A VIVEIRO

O líder dos socialistas galegos visitou primeiro a Semana Santa de Viveiro da man da alcaldesa e candidata do PSdeG-PSOE, María Loureiro. Alí subliñou o traballo que está facendo o equipo de goberno na promoción dunha cita declarada de Interese Turístico Internacional. “A rexedora é unha referencia para a Mariña e para toda Galicia pola súa magnífica labor”, destacou Caballero, que finalizou o seu percorrido pola Mariña en Foz, cun xantar do partido.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...