O partido independente Ribadeo nos Une presentou este martes a súa candidatura ao completo, que encabezará Ramón Acuña González.
Logo de anunciar os seis primeiros candidatos da súa listaxe -Acuña, o avogado xubilado Antonio Vicente Fernández, a traballadora do sector servizos Carmen Villagarcía, o empregado do Sergas Perfecto Rodríguez, a directora de Cáritas en Ribadeo Lourdes Prada e a autónoma Naroa Penedo-, a formación independente anunciou o resto dos candidatos.
Tania Freije López, veciña de Rinlo e traballadora do comercio; Ruth Penoucos Yanes, auxiliar de ruta; Teresa Fernández Fernández, empresaria xubilada; Valentín Izquierdo Rodríguez, funcionario; Margarita Galocha López, acuicultora; Iván Quero Fernández, estudante de 19 anos; e José Gutiérrez López, xubilado de Alcoa, completan a candidatura.
Os suplentes son Juan Carlos Delgado Ruíz, María Benigna Cubero Loredo e Rafael Millares Mera.
O MUNICIPIO “PERDEU INFLUENCIA”
Acuña asegurou que a lista que encabeza “non vai contra ninguén, nin contra partidos nin contra persoas. É unha candidatura única e exclusivamente formada por persoas de Ribadeo, co obxectivo de mellorar as cousas”.
O candidato independente insistiu na idea de que “Ribadeo perdeu influencia, como podemos ver en todos os indicadores. Somos líderes de paro, á cola nos sectores produtivos e sen obxectivo claro”, argumentou.
PIDEN UN DEBATE
Acuña desexou que “se poida producir un debate entre todos os candidatos que se presenten. Parece que hai seis candidaturas, o que significa que hai unha participación alta e que todo o mundo debe ter algunha cousa que dicir”, aseverou.