A CIG Saúde-A Mariña denuncia a suspensión da consulta de pediatría en quenda de tarde no centro de saúde de Viveiro.
O sindicato nacionalista expón que estaba programada unha consulta de pediatría pola tarde, con crianzas citadas, e que “a media mañá a Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Lugo-Cervo-Monforte avisou de que se cancelaba descitando a todos os pequenos da axenda”, afirma.
A central critica a “mala planificación” do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e esixe que que se cubra a segunda praza de pediatría, para acabar “cunha situación que se vén repetindo sen excepción e que xera un profundo malestar na cidadanía do concello”.
As carencias do servizo de pediatría afectan tamén aos habitantes dos municipios limítrofes de Ourol e O Vicedo, indican desde o sindicato.
BAIXAS SEN CUBRIR EN ENFERMERÍA
A central nacionalista tamén censura o “peche, este mércores, de dúas consultas de enfermería por ausencias xustificadas e programadas das profesionais”.
A CIG alerta de que a “decisión de non substituír o persoal” está a ter como consecuencia “a redución de servizos e unha sobrecarga de traballo que repercute na calidade asistencial”, engaden. O sindicato insta ao Sergas a cubrir de forma inmediata e estable todas as ausencias.