InicioPolíticaEncabezar candidaturas, o teito de cristal electoral das mulleres na Mariña Lucense

Encabezar candidaturas, o teito de cristal electoral das mulleres na Mariña Lucense

Só 13 das 61 listas para as eleccións municipais teñen unha líder feminina, polo que a porcentaxe cae case catro puntos (ata o 21,3%) respecto aos comicios locais de 2015

Publicada o

- Advertisement -

O papel das mulleres nas candidaturas da Mariña Lucense non gaña en protagonismo. É a lectura que se desprende de comparar as listas presentadas para as eleccións municipais de 2015 coas que concorrerán aos comicios locais neste 2019.

Na anterior cita electoral concorreron 335 candidatas dun total de 956 aspirantes, é dicir, o 35,04%. Na próxima convocatoria farano 377 mulleres de 926 persoas elixibles, o 40,7%

Se en cifras totais a paridade se achega, ao tomar como referencia o número de candidatas ás alcaldías, a fenda increméntase. En 2019, só 13 das 61 candidaturas presentadas, un 21,3%, son lideradas por mulleres. No 2015, a porcentaxe era superior, do 25%, xa que 14 das 56 candidaturas contaban cunha muller á fronte.

o número de candidatas sobre o total aumenta do 35,04% ao 40,7%

María Loureiro (PSdG-PSOEMiriam Bermúdez (BNG) e Alba Sanjurjo (CxG) en Viveiro; Ana Ermida (BNG) e Carmen Veiga (PSdG) en Barreiros; Marta Rey (PSdG-PSOE) en Ribadeo; Rocío López (PSdG-PSOE) e Mani Vázquez (BNG) en Lourenzá; Esperanza González (PSdG-PSOE), Chus Amieiro (En Marea) e Elena Candia (PP) en Mondoñedo; Mayra García Bermúdez (PSdG-PSOE) en Trabada e María José Fernández (Udival) no Valadouro son as alcaldables nas próximas eleccións municipais.

Nos municipios de Cervo, Xove, O Vicedo, Alfoz, Ourol, Burela, Foz, A Pontenova e Riotorto non hai ningunha candidata.

O PP, CUNHA SOA LIDERESA DE 16 LISTAS

O caso máis singular é o de Mondoñedo, no que tres das catro persoas que optan a alcaldía son mulleres. Ademais, o BNG mindoniense presenta a Elena Freire como número 2. En Viveiro, tres de seis listas son lideradas por mulleres.

Chama a atención que no Partido Popular (PP) só haxa unha lideresa, Candia, de 16 candidaturas.

en mondoñedo, tres das catro LISTAS están encabezadas por mulleres. pero ata en nove concellos non hai NINGUNHA á fronte

NÚMERO 2

No tocante as mulleres que ocupan o posto dous das candidaturas, o número aumenta. Se no 2015 concorreron 17 de 56 candidatos (o 30,35%), en 2019 farano 23 de 61 (37,7%).

SÓ EN RIBADEO HAI MÁIS CANDIDATAS

Se tomamos como referencia o número total de persoas elixibles, Ribadeo é o único concello no que hai máis mulleres aspirantes que homes (52,5%).

Mondoñedo (47,5%), Xove (46%), Foz (45,4%), Cervo (44,4%), Barreiros (43,7%), Trabada (42,8%), Viveiro (41,9%) e O Vicedo (40,9%) manteñense por riba da proporción de 40 a 60. Mentras, Burela (38,7 %), O Valadouro (36,8%), Alfoz (36,4%) e Lourenzá (35,8%) caen por debaixo desa cifra. A desigualdade acrecéntase en Ourol (23,8%), A Pontenova (20,5%) e Riotorto (18,2%).

en ourol (23,8%), a pontenova (20,5%) e riotorto (18,2%) non hai unha candidata por cada catro aspirantes

EN TRABADA, O PSOE PRESENTA 7 CANDIDATAS DE 9

A lista dos socialistas trabadenses, encabezada por García Bermúdez, que opta á reelección como alcaldesa, é que incorpora maior proporción de mulleres. Sete de nove integrantes da candidatura son mulleres, entre elas as catro primeiras. O PSdG do Vicedo presenta ás municipais unha candidatura con cinco mulleres entre nove aspirantes titulares.

Só outras sete candidaturas -PSOE de Xove, PP de Ribadeo, Ribadeo Nos Une, PSdeG-PSOE de Ribadeo, Compromiso por Galicia (CxG) de Ribadeo, En Marea Mondoñedo e PSdG-PSOE de Lourenzá- incorporan máis mulleres ca homes.

En Xove, tres mulleres –Ana Abad, Dolores Meitín e Cristina Iglesias– ocupan os postos 2, 3 e 4 da candidatura que encabeza Demetrio Salgueiro.

MÁIS ALTERNATIVAS ELECTORAIS

O número de candidaturas con respecto a 2015 medra en seis listas. Trala presentación de Vox e Galicia Sempre, o partido de Manuel Martínez, Burela será o municipio con máis alternativas, sete.

Ribadeo e Viveiro, con seis candidaturas, son os seguintes municipios con máis opcións de voto, por cinco de Foz.

o número de candidaturas medra de 56 a 61. burela é o concello da mariña con máis opcións de voto, ata sete

Tralos municipios das catro grandes vilas mariñás, chama a atención a variedade -ata catro candidaturas– en municipios que non contan coa poboación doutros concellos, como Lourenzá (onde aumenta as opcións CxG), Alfoz, Mondoñedo e O Valadouro.

Neste último termo municipal aumenta a oferta electoral o regreso da Unión Democrática Independiente de O Valadouro (Udival), que formara goberno co PSdeG-PSOE e que non concorreu en 2015.

Cervo, Barreiros, Xove, Riotorto e A Pontenova manteñen as tres opcións tradicionais (PP, PSdeG-PSOE e BNG), mentres que os habitantes de Ourol e O Vicedo e Trabada -estes dous municipios, onde os nacionalistas non conformaron listas- só poderan escoller entre socialistas e conservadores.

EDÍS EN DISPUTA

Tan só en Ribadeo -que perde catro edís, de 17 a 13- e Foz -onde aumenta o número de actas, de 13 a 17- varía o número de concelleiros en disputa.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...