InicioOpiniónHai unha Galicia "baleirada"? | Celtia Traviesas Méndez

Hai unha Galicia “baleirada”? | Celtia Traviesas Méndez

Os candidatos á presidencia do Goberno non paran de falar na campaña da España “vacía” ou “vaciada”, seguramente sen saber que a metade das aldeas do Estado son galegas

Publicada o

- Advertisement -

Os candidatos á presidencia do Goberno español non paran de falar nesta campaña do mundo rural e da España vacía” ou vaciada”. Curiosamente, ningún deles dirá, porque seguramente non o sabe, que a metade das aldeas do Estado español son galegas.

O motivo deste repentino interese da política española cara o mundo rural é, por unha banda, o éxito da manifestación convocada polas plataformas ‘Teruel existe’ e ‘Soria Ya’ o pasado 31 de marzo. Unha marcha que clamaba, polas rúas de Madrid, por un Pacto de Estado contra o despoboamento.

Todos os partidos amosaron o seu apoio e lanzáronse á facer propostas: principalmente, un tratamento fiscal máis vantaxoso e o impulso á dixitalización do mundo rural. Hai condimentos específicos, iso si. O PP e Vox inclúen como solución a defensa dos touros e da caza. Podemos puxo o foco na atención sanitaria a domicilio e na protección da pequena e mediana produción agrogandeira.

NESTE 28a, OS RESULTADOS XÓGANSE NAS CIRCUNSCRICIÓNS CON MAIOR DESPOBOAMENTO

CEN ESCANOS A REPARTIR

Pero o outro motivo do interese da campaña no mundo rural –e seguramente o de máis calado– é que os resultados electorais deste 28A xóganse, precisamente, nas circunscricións provinciais con maior despoboamento. Os políticos queren asegurar votos no rural dicindo o que cren que xente quere oírlles. Son en total 100 escanos os que se reparten na “España vaciada”, un concepto no que se inclúe a Lugo e Ourense, con catro escanos cada unha.

Pero hai unha Galicia baleirada? Non creo que se poda facer un discurso sobre o rural no que se poda recoñecer tanto a xente do latifundio andaluz, como a dos campos de Castela, pasando pola horta valenciá e rematando no Courel. Non. Quizais existan problemas comúns e coordenadas posibles nas que atoparnos. Pero este concepto de “baleirada”, que pretende responsabilizar de maneira abstracta ás políticas públicas e liberarnos da responsabilidade de marchar da aldea, non me parece de moita utilidade para explicarmos a profundidade e complexidade do problema territorial de Galicia.

o concepto de territorio “baleirado” pretende liberarnos da responsabilidade de marchar da aldea

Entre outras cousas, porque o que caracteriza maioritariamente hoxe o noso territorio é o envellecemento e o despoboamento, si; pero dáse, sobre todo, ao longo dun continuum de casas e edificios que desdebuxan, cada vez máis, a xa difusa fronteira entre o mundo rural e o urbán. E iso afecta tamén ás provincias de Coruña e Pontevedra.

MOITA MELANCOLÍA E POUCA REFLEXIÓN

E logo están as aldeas. Moitas aldeas agonizando, en moitas parroquias, en cada concello. Mes si, mes tamén, aparece un titular sobre aldeas abandonadas ou dun único habitante nos xornais. Novas que conteñen moita emoción e evocación melancólica, pero pouca reflexión.

OS ARTIGOS SOBRE O DESPOBOAMENTO NON DIN QUE OS AGRUPAMENTOS RESPONDEN A ÉPOCAS QUE NON VAN VOLVER NIN É DESEXABLE QUE VOLVAN

Nunca din, por exemplo, que os agrupamentos poboacionais tan dispersos e tan abundantes en Galicia responden a épocas que xa non van volver, nin é seguramente desexable que volvan. Hai que dicilo, sen demagoxias. Afrontemos a dura realidade: dotar de servizos públicos aos territorios con baixa densidade poboacional é caro, pouco ecolóxico, moitas veces inviable e entraña paradoxos de xustiza social en canto ao reparto dos fondos entre o conxunto da poboación. E se tedes dúbidas, preguntádelle a calquer alcalde, iso si, na intimidade.

Non digo, por suposto, que non debamos apostar pola discriminación positiva para o rural, dende bonificacións fiscais ata axudas e subvencións, pero hai que facelo con responsabilidade, sabendo o que estamos a propoñer en cada lugar –por que e para que–, e desde o convencemento de que o obxectivo non pode ser equiparar o mundo rural co mundo urbán, senón que sexa posible a construción dun novo modo de vida en ambos, máis saudable, máis ligado ao coidado da natureza e á produción e consumo de alimentos de proximidade.

A XENTE NON MARCHA PORQUE NON HAXA SERVIZOS OU AXUDAS. NON HAI PACTO DE ESTADO QUE POIDA CONTER O AXUSTE AGRARIO DERIVADO DA INDUSTRIALIZACIÓN

AS CONSECUENCIAS DA INDUSTRIALIZACIÓN

O mundo rural non queda sen xente porque non haxa servizos ou axudas abondas. A realidade é que queda sen xente tamén alí onde existen e se xestionan ben. Porque non hai Pacto de Estado que poida conter as consecuencias do axuste agrario derivado da industrialización, nin as dinámicas do sistema de mercado no que vivimos e baixo o cal desenvolvemos as nosas expectativas vitais.

Non sei se existe unha Galicia baleirada, pero o que si teño claro é que hai moito discurso baleiro. Cómpren horizontes meirandes para pensar o futuro. Estamos xa entrando nunha etapa post-industrial e ás beiras do colapso climático. Quizais é hora de entender que o que queda do mundo rural ten moito que ensinarnos. Que precisamos recuperar saberes, tecer novas alianzas entre o campo e a cidade e recuperar a nosa soberanía alimentaria.

A CONCENTRACIÓN DO CAPITAL TRADÚCESE NA ACTITUDE DA POBOACIÓN. NECESITAMOS TECER NOVAS ALIANZAS ENTRE CAMPO E CIDADE

A industrialización tróuxonos grandes cotas de progreso e benestar, pero tamén unha enorme desigualdade. Nunca tanta riqueza estivera acumulada en tan poucas mans. E esta concentración do capital ten a súa tradución no comportamento da poboación. Se tanto nos preocupa o rural, como dixo alguén por aí, por que non imos vivir a el? Ás veces penso que se as que vivimos agora nas vilas e cidades respondéramos acougada e sinceramente a esta pregunta, seguramente atoparíamos as verdadeiras causas do problema e poderíamos comezar a enfocar mellor as solucións.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...