O Pescados Rubén Burela FSF solventou unha situación difícil na pista do Alcorcón e mantense na pelexa polo título de Liga tras derrotar ao cadro madrileño (1-2) cun gol de Dany no último minuto do encontro.
O equipo laranxa segue á espera dun tropezo do Atlético Futsi Navalcarnero, que gañou ao Penya Esplugues (2-0) na vixésimo sexta xornada da Liga Foro16 Feminismo.
Dany anotou axiña o 0-1, no minuto 2. O cadro burelao dominou os primeiros compases do encontro e tivo oportunidades para ampliar a renda, sen acertar coa portería da extraordinaria porteira internacional Belén.
No treito final do encontro, o conxunto local optou polo xogo de cinco, que rentabilizou para acadar o empate. Aida desviou un disparo da pivote galega Vane Sotelo para equilibrar o marcador.
Respondeu o Burela FSF con porteira-xogadora e, a falta de 30 segundos para o desenlace, Dany deu ao equipo laranxa unha vitoria imprescindible para seguir a soñar co título de Liga.
TRES XORNADAS PARA O REMATE
Quedan tres xornadas para o remate da Liga Foro 16 Feminismo. A vindeira fin de semana, a competición volverá tomar un descanso, coincidindo co X Torneo Internacional 9 de Maio de Moscova. Peque e Cris participarán no trofeo coa selección española e Jenny co combinado portugués.
As burelás regresarán o sábado 11 de maio, en Vista Alegre, cun derbi ante o Ourense Envialia FSF, nunha reedición da última final da Copa Galicia, resolta a prol do cadro laranxa.