O traballador do servizo de mantemento do Hospital Público da Mariña Luis Fernández, que conta cunha gandería de razas autóctonas en rexime ecolóxico, encabezará a lista do Bloque Nacionalista Galego (BNG) para as eleccións municipais do 26 de maio.
Natural da Casanova (Órrea) e residente en Chacín (Santa Marta de Meilán), Fernández incorpórase á política municipal co aval dunha participación activa na vida cultural do concello como membro da Asociación de Veciños e Veciñas de Órrea e do club Arcasco-Carballal, que impulsa a recuperación dos bolos celtas.
O candidato a alcaldía pola formación nacionalista explica que “decidín formar parte desta candidatura porque me gusta participar activamente na vida do concello de Riotorto, traballando pola posta en valor do medio rural e a busca de alternativas para un asentamento da mocidade e do benestar social“.
“potenciar a agricultura e gandería como proxecto de futuro é o principal obxectivo do programa”, asegura o BLOQUE
PROGRAMA
O Bloque expón que Fernández impulsará un programa centrado en apoiar o potencial produtivo da agricultura e da gandería como proxecto de futuro para un municipio cunha poboación envellecida –catro de cada dez riotortenses son maiores de 65 anos– e cunhas rendas baixas, altamente dependentes das pensións.
“RECUPERAR A AXENDA SOCIAL”
Con Fernández, o BNG aspira tamén a “recuperar a axenda social” para o concello, despois de catro anos nos que o goberno do Partido Popular “transladou á veciñanza a factura da crise en forma de subidas nas taxas do lixo e tributos como o Imposto de Bens Inmobles (IBI)”.
OS NACIONALISTAS DENUNCIAN QUE O PP SUBIU AS TAXAS DO LIXO E O IBI E ELIMINIOU A GRATUIDADE DO SERVIZO DE AXUDA A DOMICILIO
Os nacionalistas lembran que o Partido Popular eliminou a gratuidade do Servizo de Axuda a Domicilio, que se mantivo sen custe adicional para a veciñanza durante o goberno nacionalista, “nos peores anos da crise”.
Fronte a ese modelo, o actual goberno “segue con políticas de parcheo nos camiños dos pobos, con obras feitas a correr sen consultar coa veciñanza, sen consenso e sen estudos dos factores que inflúen na súa viabilidade e bo trazado, co deterioro da contorna e o gasto que iso supón”, critica Fernández.