Durante case dúas décadas, entre 1892 e 1910, a sona das festas do San Roque de Viveiro medrou grazas a solta dun globo feito de “papel de periódicos vellos” a carón da Igrexa de Santa María.
O artífice do enxeño era “Marruán, de oficio barbeiro” que confeccionaba o aerostático cos xornais que a veciñanza amoreaba xunto ao templo. Xuntaba a rapazada para darlle forma dacordo cun plano que recollía as medidas de cada recorte de papel e que gardaba “nun novelo de moito volume”.
Ramón Canosa, editor do Heraldo de Viveiro, e o escritor Antón Fraguas documentaron os detalles desta historia “esquecido por moitos” que tivo un final entre tráxico e cómico na noite do 14 de agosto de 1910.
Nun dos capítulos de “Romarías e Santuarios”, Fraguas relata: “Comenzou a operación coa penduración do globo, pero parece, ou pareceulle á xente, que tardaba moito en subir. Comenzou o público a mostrarse inquedo e alguén berrou con voz de mando: ¡”Piiiica”!”.
O texto continúa: “Nun intre determinado a voz de Marruán deu a orde. Por máis que berrou Marruán, o globo non o soltaron e con tanto fume quente inflamouse e ardeu. As xentes poida que non se decatasen de que as faíscas de aquela noite eran as do derradeiro globo das festas de Viveiro”
PROXECTO EDUCATIVO
Alba Guijarro, educadora social, e Lucas Requejo, arquitecto técnico, atoparon na historia unha fonte de inspiración para deseñar un proxecto educativo que pretenden culminar “en ano e medio ou dous anos” coa solta do globo Marruán do século XXI.
“Soubemos de Marruán por un artigo publicado no Heraldo de Viveiro e acendeusenos a bombilla”, conta Requejo. En setembro pasado comezaron a divulgar a historia entre os máis pequenos cun contacontos no que Andrés Guijarro encarna ao visionario barbeiro viveirense e, nos últimos meses, a idea frutificou en formas novas.
“Cremos que, traída ao presente, a historia ten moitas dimensións sobre as que se pode traballar dentro e fóra das aulas. Permite falar da historia propia como elemento sobre o que podemos artellar un futuro novo, pero tamén implementar procesos de innovación e cooperación e espertar a conciencia medioambiental“, enumera Requejo.
Volver voar o globo é o “ilusionante reto” que debuxan no horizonte pero os promotores insisten en poñer o acento no proceso no que, como fixo o barbeiro, tentarán sumar vontades e mans á confección do aerostático. “Queremos implicar na iniciativa a toda a comunidade educativa e outros axentes culturais e sociais“, explican.
CINCO CENTROS SÚMANSE AO PROXECTO
Polo de agora, co apoio do concello, compartiron cos centros escolares viveirenses as propostas e materiais didácticos que artellaron. O CEIP Santa Rita de Galdo, o CEIP Lois Tobío, o IES Vilar Ponte, o IES María Sarmiento e a Escola de Educación Infantil San Roque comezarán a traballar no proxecto “a semana que ven”. Durante o verán, trasladarán a iniciativa a outras asociacións do municipio que actúan no ámbito da educación social.
Mentras o proxecto medra e o imaxinado globo de lixo plástico volve voar sobre Viveiro, un cartaz lembra a historia xenuína contada por Antón Fraguas -homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas– baixo o cruceiro da Igrexa de Santa María.