O PsdeG-PSOE e mailo BNG aumentaron este sábado a presión sobre a Xunta de Galicia para que anule o recorte dun técnico de emerxencias sanitarias (TES) da ambulancia medicalizada da Mariña Lucense, con base en Foz.
Os socialistas esixiron ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, que se reúna cos traballadores do 061 afectados polo recorte de persoal para coñecer de primeira man as consecuencias da medida.
O PSdeG-PSOE demanda ao Partido Popular (PP) que “atenda ás demandas dos veciños e dos profesionais” e que paralice, de inmediato, a contratación ofertada polo Sergas que recolle a supresión dun dos dous (TES) que traballan no servizo.
O partido socialista denuncia que se trata dunha “decisión totalmente arbitraria”, que “carece de valoración técnica”, e que “discrimina inxustificadamente á Mariña Lucense e á provincia de Lugo. Non estamos a pedir que un servizo tan importante conte con máis dotacións, senón que non padeza máis recortes que deterioren a calidade asistencial”.
O secretario xeral dos socialistas lucenses, Álvaro Santos Ramos, lamenta o “nulo interese e compromiso” por parte do PP da provincia de Lugo para “solucionar este problema”, tras negarse a debater e aprobar unha proposta no pleno provincial pola que se esixía á Xunta anular os pregos de contratación.
“PERIGOSO AGRAVIO”
A deputada parlamentaria do BNG Olalla Rodil, xunto a outros membros do partido frontista, mantivo na tarde do sábado un encontro cos traballadores. Para os nacionalistas, o recorte trátase “dun novo ataque do PP á sanidade pública, e concretamente á atención sanitaria na comarca da Mariña”.
Rodil resalta que o TES “é unha figura chave” e expón que a supresión dun dos postos da ambulancia medicalizada suporía “un perigoso agravio co resto do país, donde o servizo seguirá contando cos mesmos efectivos humanos”.
“Diante desta grave situación o Partido Popular e a Xunta deben rectificar de inmediato para impedir o que é xa o enésimo recorte na sanidade e na calidade asistencial na Mariña”, afirmou Rodil, que comunicou ao persoal do servizo que o BNG rexistrará no Parlamento galego unha proposta ao respecto.