A alcaldesa de Viveiro, a socialista María Loureiro, e mailo BNG viveirense mostraron este mércores o seu malestar tralo anuncio do candidato do Partido Popular (PP), Óscar Rodríguez, de que a Xunta de Galicia licitará “nos vindeiros días” a retirada do emisario submariño da ría e do proxecto de ampliación da nova depuradora, obras demandadas con insistencia pola sociedade viveirense desde hai anos. Así, acusan ao Goberno galego de utilizar a Administración para “lanzar ao estrelato” ao alcaldable dos conservadores, ao que reprochan “que na política non vale todo”.
A rexedora e candidata do PSdeG-PSOE lamenta que o PP “utilice a canle” do candidato popular “para anunciar ou reanunciar obras que son proxectos xa publicados, como aconteceu co derrubo dos galpóns do muelle ou do arranxo da estrada que une Viveiro co Valadouro”.
Loureiro rexeita as acusacións de Rodríguez, que lle atribuíu “desidia” nas xestións para acadar a retirada do emisario da ría ou a recacción do proxecto técnico de ampliación da nova estación depuradora. “Isto é totalmente falso e non vou permitir que se minta ao respecto”, afirmou a alcaldesa.
“FIXEMOS TODAS AS XESTIÓNS POSIBLES”
A rexedora asegura que “ao longo destes catro anos, púxenme en contacto con Augas de Galicia en numerosas ocasións. Remitimos escritos, realizamos chamadas e asistimos a reunións, tanto en Santiago de Compostela como en Madrid, realizando todas as xestións posibles para acadar o desbloqueo que se produciu na tramitación administrativa”, expón Loureiro.
No tocante áo proxecto da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), que inclúe unha nova balsa, un novo pretratamento e unha nova desinfección, “a última vez que o Concello solicitou información sobre este expediente á empresa redactora do proxecto, foi a finais de marzo deste ano. Naquel momento, o proxecto relativo á EDAR contaba con todos os permisos e autorizacións e estaba pendente de aprobación como paso previo á licitación”, indica.
Respecto ao emisario, “indicáronnos que había problemas con Patrimonio, polo patrimonio arqueolóxico mariño, ao esixir un estudo máis complexo do previsto inicialmente, polo que houbo que encargar estes novos traballos”.
PRAZOS E ORZAMENTOS INCUMPRIDOS
A alcaldesa remarca que a Xunta incumpriu reiteradamente os prazos comprometidos e mesmo os orzamentos no tocante ás actuacións. No 2010 a Unión Europea esixiu o saneamento da ría e “a Xunta anunciou en 2011 que esta obra estaría executada en 2015, cun investimento de cinco millóns” que se viu reducido a tres. “No 2016, un ano despois da data prometida, indicou que sería no 2019, resultando novamente un prazo que tampouco se vai cumprir”.
Así, Loureiro sostén que é “indignante” que Rodríguez presente a licitación da retirada do emisario ou do proxecto de ampliación da depuradora “como se dun logro se tratase, cando é unha obra de vital importancia para o noso concello que xa debía estar rematada. Hai que preocuparse por Viveiro sempre e non só cando falta un mes para as eleccións municipais”, conclúe.
“BLOQUEO” E “MARXINACIÓN” A VIVEIRO
Pola súa banda, o BNG viveirense critica que “logo de que Viveiro padecese durante anos a continua marxinación da Xunta do PP” e o “bloqueo dos investimentos aprobados para este concello”, o Goberno galego de Alberto Núñez Feijóo está “a usar as institucións e os investimentos públicos para lanzar ao estrelato ao seu candidato”.
A candidata do BNG, Miriam Bermúdez, lamenta que se anuncien “obras comprometidas no 2016 e cuxos proxectos estiveron aparcadas no caixón da Xunta ata hai días”, mentres “os asinantes do Manifesto Pola Rexeneración da Ría de Viveiro levan agardando desde o 7 de xaneiro por unha resposta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. É unha falta de respecto aos viveirenses”, conclúe.
“USO PARTIDISTA” DAS INSTITUCIÓNS
Así, Bermúdez lembra que Rodríguez “non representa institucionalmente” ao concello de Viveiro e cre que a lei electoral “debera ser moi clara respecto dos políticos que fan uso partidista das Administracións públicas”.