O Partido Popular (PP) de Foz presentou na tarde do pasado xoves a súa candidatura para as vindeiras eleccións municipais, unha lista que encabezará o alcalde, Javier Castiñeira.
Os conservadores celebraron un acto na confluencia da rúa Álvaro Cunqueiro coa Avenida da Mariña, lugar elixido porque “é un síntoma de modernidade e dos cambios que experimentou Foz nestes últimos oito anos, especialmente nesta última lexislatura”, argumentou Castiñeira.
O candidato do PP focego afirma que “pasamos un momento moi complexo, desde o ano 2011, que entramos neste Concello, ata o 2015. A primeira lexislatura foi moi difícil porque Foz estaba nunha situación económica moi mala que impedía calquera outro tipo de proxección. Despois si que tivemos unha lexislatura do ano 2015 ao 2019 de moito investimento e con moitos obxectivos”, sostivo.
Respecto da lista, o alcaldable dos conservadores asegurou que se trata “dun grupo excepcional e comprometido, que achega a experiencia dun equipo de goberno, con catro dos cinco concelleiros que estamos actualmente no grupo municipal”.
A candidatura popular tamén conta, expón o rexedor, con “xente nova, comprometida, independente, plural e diversa, que é o que necesita un pobo. Este é un proxecto aberto”, remarca, para engadir que “apostamos pola igualdade, somos nove mulleres e nove homes, e o noso lema é que só pactamos con vós, ou sexa que en coalición contigo”.
NOVE HOMES E NOVE MULLERES
Pedro Fernández Manín, Laura Riveira Balseiro, José Antonio Hermida Fernández, Verónica Soto Piñeiroa, José Ángel Paleo Soto, Juan José Rivas Nécega, Roberto Fernández Pena, Dolores Matilde Fernández López, Iago Rivas Eiroa, María Elena Estoa Díaz, Rocío Basanta Villapol, Miguel Gómez Oroza, Rebeca Neira Fernández, Víctor Martínez Fonte, María Fe López López e María Fernanda Pérez Rodríguez, como suplente, completan a candidatura dos populares focegos.