Galipizza Covas, negocio que abriu a finais de xuño do 1993, celebrará o vindeiro sábado o seu 25 aniversario cunha xornada festiva que inclúe un xantar de confraternización, diversas actividades de ocio e sorteos dun total de 2.000 euros en metálico.
As celebracións comezarán ás 12.00 horas, cunha concentración de coches clásicos que mostrará vehículos anteriores a 1985. Participa nesta actividade o Club de Coches Clásicos Viveiro. Os interesados en acudir co seu turismo poden anotarse cunha chamada ao número de teléfono 661.195.654.
A partir das 14.00 horas comezará a sesión vermú, na terraza do establecemento, ao pé da praia de Covas. A continuación comezará o xantar popular das vodas de prata do local. Quenes queiran participar da comida poden reservar tickets en calquera local de Galipizza, a un prezo de 23 euros por persoa.
A partir das 18.00 horas, unha exhibición de coches de radio-control a cargo da escudería Racing Cotén animará a tarde. Ás 21.00 horas comezará o sorteo de 2.000 euros, repartidos en cinco premios de 800, 500, 300, 250 e 150 euros.
Será un sorteo presencial que se celebrará na terraza e no que se pode participar con tarxetas de Rasca & Gaña que se reparten desde hai meses no establecemento. Ao remate, DJ Marco Fernández poñerá o ritmo ao 25 cumpreanos de Galipizza Covas.