En Marea Ribadeo presentou a súa candidatura para as vindeiras eleccións municipais, que encabezará Evaristo Lombardero con Maica Nistal no posto 2 da lista.
Segundo o partido instrumental, trátase dunha “candidatura diversa, con veciñas do rural e da vila; labregas, traballadoras da industria e dos servizos; xentes de Ribadeo e de fóra e activistas dos movementos sociais e culturais do concello”.
Neste senso, remarca que os dous primeiros postos “son para persoas cun longo compromiso en favor do público, da cohesión social -sen deixar ninguén atrás- e da conservación do noso patrimonio natural“. Podes consultar a lista completa nesta imaxe.
En Marea mostra a súa intención de traballar “cara á soberanía alimentaria e enerxética a través do desenvolvemento dos recursos naturais, formativos e culturais, diversificando unha económía hoxe moi dependente de factores externos; unha transición que só poderá acadarse coa complicidade da veciñanza”.
Ademais, pretende ser desde o goberno local un exemplo de “transparencia, información e participación, dándolle a volta a un Concello que ben entrado o século XXI non deixou vellos hábitos da opacidade e o clientelismo“.
PROGRAMA
Orzamentos participativos, rotación do pleno polas parroquias e Consello de Participación Cidadá; bonificación do Imposto de Bens Inmobles ás explotacións agrogandeiras; a recuperación da xestión do abastecemento de auga; un albergue para animais abandonados; o programa “Camiñando ao Cole” ou a creación dunha sala de ensaio para grupos musicais, ademais da “proactividade na reapertura de locais” para actuacións son algunhas das propostas do programa de En Marea Ribadeo.