O secretario xeral e candidato ás eleccións europeas por Compromiso por Galicia (CxG), Juan Carlos Piñeiro Docampo, participou este xoves en Billbao na presentación de Coalición por una Europa Solidaria (CEUS), na que concurre aos comicios canda EAJ-PNV, Geroa Bai, Coalición Canaria, Proposta Per Les Illes e Demòcrates Valencians.
O sancibrense sostivo que a alianza lles permitirá defender “o sector da pesca en Bruxelas, do mesmo xeito que faremos todo o posible para defender os postos de traballo en Alcoa”.
Piñeiro argumentou que “A Mariña Lucense xógase un futuro con máis posibilidades nas eleccións” e asegurou que “non existen mellores compañeiros de viaxe no parlamento europeo que os nosos socios de EAJ-PNV porque levan anos demostrando que sempre están ao noso lado para apoiarnos na defensa dos intereses de Galicia”.
TERCEIRO NA CANDIDATURA
O galego ocupa o terceiro posto candidatura por detrás de Izaskun Bilbao (EAJ-PNV) e Luis Padilla (CC). Na posta de longo da coalición, incidiu no compromiso de CxG “cos dereitos sociais e as políticas de potenciación da industria, ademais dunha aposta sen fisuras por Galicia na Europa dos pobos”.