Burela acollerá o 17 de maio, Día das Letras, a concentración na Mariña Lucense da plataforma cidadá Queremos Galego. A cita será ás 12.00 horas, na Praza da Mariña.
Composta por máis de 700 entidades, a agrupación organizou unha ducia de mobilizacións nas principais cidades e vilas. Baixo o lema ‘Máis que nunca, Queremos Galego’, o colectivo quere recordar a importancia que os servizos municipais de normalización lingüística, as empresas concesionarias ou a formación do funcionariado seguen a ter para a defensa da lingua en todas as comarcas.
Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol, Carballo, Burela, Monforte, A Estrada e Lalín acollerán as convocatorias.
SITUACIÓN “CRÍTICA” PERO “REVERSIBLE”
O manifesto sinala que “a situación do galego é crítica. Porque o 22,7% das persoas de catro a 15 anos non saben falar galego; porque existen límites de todo tipo, tamén legais, para empregalo con normalidade; porque o Goberno galego non só non exerce o seu deber estatutario de defender a lingua, senón que actúa en contra, en ámbitos decisivos como a educación, a sanidade, a xustiza ou os medios de comunicación; e porque hai unha nova ofensiva xudicial e política contra o galego como a recente sentenza do Tribunal Supremo contra a ordenanza de normalización lingüística do Concello de Lugo“.
“LIBERDADE, IGUALDADE, XUSTIZA”
Así, a convocatoria de Queremos galego lembra que “vulnerar os dereitos lingüísticos” é tamén vulnerar “os dereitos humanos”, e que “sen lingua non hai desenvolvemento social e económico”.
“A situación do galego non é irreversible, pódese modificar garantindo os tres principios: liberdade, igualdade e xustiza“, sostén o manifesto que se escoitará o vindeiro venres nas principais vilas e cidades de Galiza.