O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estimou os recursos interpostos pola Unión Xeral de Traballadores (UXT) e a ex delegada da central, Rogelia Mariña, e condena a Sargadelos e o seu conselleiro delegado, Segismundo García, por vulneración do dereito á liberdade sindical.
Segundo expuxo o sindicato este mércores, o fallo ordena a García e o grupo empresarial “o cese inmediato do comportamento antisindical”, de xeito que non se entorpezca “nin se impida a actividade sindical” das partes demandantes.
En materia de indemnizacións, tanto o conselleiro delegado como Sargadelos terán que aboar solidariamente a cantidade de 12.500 euros a cada unha das partes como compensación pola vulneración do dereito fundamental á liberdade sindical.
A UXT resalta que o alto tribunal considera que a conduta do conselleiro delegado non se ampara no dereito de liberdade de expresión, tal e como argumentou o Xulgado do Social número 2 de Lugo para desestimar a demanda interposta por Mariña e o sindicato.
A sentenza do Xulgado número 2 do Social de Lugo queda revogada co fallo do TSXG, que impón a García e Sargadelos a publicación da sentenza nun lugar visible da empresa durante 15 días.
“TENTOU INFLUÍR CONTRA A DEMANDANTE”
En concreto, O TSXG considera que “existen indicios de que García, actuando no nome da empresa e como administrador único e socio maioritarios da mesma, tentou influír nos traballadores contra a demandante e do sindicato do que formaba parte, ao vincular a súa actividade sindical e de representación coa decisión do despedimento de varios traballadores na reunión co cadro de persoal convocada o 17 de agosto”.
O dirixente da empresa “foi máis alá do mero vertido de opinións e ideas, chegando a anunciar decisións, o despedimento de traballadores, vinculadas co exercicio da liberdade sindical e representación”, indica o TSXG.
O alto tribunal conclúe que “as partes demandadas non acreditaron, á vista dos feitos probados, que existira unha mínima xustificación para os despidos disciplinarios producidos”.
“PORTA ABERTA Á NULIDADE” DOS CESAMENTOS
Así, segundo a central, “a propia sentenza vincula os despedimentos dos traballadores co mero feito da actividade sindical de Rogelia e de UXT”, o que o sindicato entende como unha porta aberta a que se declare “a nulidade dos despedimentos” realizados polo administrador único de Sargadelos durante o conflito, alomenos os daquelas persoas que litigaron.
PULSO COA SINDICALISTA
O pasado 17 de agosto, o máximo accionista do grupo empresarial anunciou 49 despedimentos en Cervo -a metade do cadro de persoal- amparándose na “presión sindical” exercida pola daquela delegada.
Segundo precisa a sentenza, Sargadelos cesou a 21 obreiras. Seis o 17 de agosto; catro o 20; tres o día 21; outras tres o 22; dous o 24; un o 29 e outras dúas o 13 de setembro. Alomenos oito foron readmitidas.
Finalmente, a asemblea de traballadoras da fábrica cervense revogou o 14 de setembro a Mariña do seu cargo sindical -un día máis tarde do último cesamento-, nunha decisión que a UXT atribuíu á tutela do conselleiro delegado e ao medo nun contexto de despedimentos na factoría, aínda que as obreiras reivindicaron sempre a súa autonomía.
No pasado mes de outubro, o Xulgado do Social número 2 de Lugo desestimou a solicitude do sindicato socialista e da traballadora, que pediran “o cese da conduta vulneradora da liberdade sindical fronte a ambos actores”, a declaración “da existencia de vulneración do dereito á liberdade sindical” e o resarcimento dos prexuízos causados, cunha indemnización de 200.000 euros.
A tensión na relación entre Mariña e García vén de antes. No pasado mes de febreiro, o TSXG confirmou a nulidade do despedimento da sindicalista en 2016, cando era presidenta do comité de empresa.
A EMPRESA NON DECIDIU SE RECORRERÁ
Consultado polo Xornal da Mariña, o conselleiro delegado asegurou que acata a sentenza, aínda que non a comparte, e que é “axiña” para valorar se presentará recurso de casación contra a sentenza. O prazo para facelo é de dez días hábiles.
PLEITOS ABERTOS
A lea xudicial entre Sargadelos e a UXT non rematou. Están pendentes unha demanda por conflito colectivo, en relación co presunto incumprimento do convenio laboral no contrato das 49 persoas que entraron a traballar nos últimos dous anos na fábrica de Cervo; a impugnación da asemblea que destituíu a Mariña, e catro reclamacións por despedimentos nulos, segundo precisou o bufete viveirense Blanco y Guerra, que leva os servizos xurídicos da UXT e destas traballadoras.