Máis de 200 alumnos dos centros educativos de Mondoñedo percorreron as rúas da cidade vestidos acorde á Festa dos Maios, con coroas de flores, camisas brancas e mesmo co traxe galego.
Nas prazas da Catedral e do Concello interpretaron e cantaron diversas cantigas, musicadas polo mindoniense Manuel Ledo ‘O Pallarego’, de quen toma nome a escola municipal de música. Os textos son de Álvaro Cunqueiro e Díaz Jácome.
A ÚLTIMA, NO 1991
A Escola Municipal de Música impulsou a iniciativa, coa que se busca recuperar a tradición da festa dos maios. A última gran celebración desta festa foi no 1991. Esta iniciativa congregou numerosas persoas polas rúas da cidade, durante todo o percorrido dende o CEIP Álvaro Cunqueiro ata o cemiterio.
Colaboraron coa organización o CEIP Álvaro Cunqueiro e do IES San Rosendo, o Centro Asistencial de San Pablo e San Lázaro e tamén o alumnado do Ciclo de Floristería da Granxa.