No Xornal da Mariña estamos de cumpreanos. O diario dixital fai este 17 de maio, Día das Letras Galegas, un ano de vida.
Co respaldo de Galicia Confidencial, o Xornal da Mariña botou a andar nunha data especial, o Día das Letras do ano 2018, ao igual que os outros dous dixitais irmáns da provincia de Lugo, Lugo Xornal e Xornal de Lemos.
Ao longo destes doce meses, o diario electrónico fíxose cun oco con informacións sobre a actualidade política, social, económica e cultural da Mariña Lucense e o Occidente de Asturias. Publicamos máis de 2.600 novas, entre elas arredor de 500 reportaxes de fondo. Columnistas de referencia sumáronse á nosa sección máis nova, a de opinión.
Por suposto, ningún medio de comunicación ten sentido sen os lectores. Queremos agradecervos a vosa fidelidade. Recibimos, ao longo deste ano, máis de 700.000 visitas, de máis de 200.000 usuarios.
A mellor celebración é seguir informándovos, como non, en galego. Que teñades un feliz Día das Letras Galegas. Seguimos!