O Equipo de Patrimonio Sumerxido para o Norte (EPASUNO) da Federación Española de Actividades Subacuáticas (FEDAS) iniciará este luns traballos arqueolóxicos na ría de Viveiro para realizar unha fase de fotogrametría e toma de imaxes en 360º do pecio da fragata Santa María Magdalena.
Tamén se iniciarán prospeccións arqueolóxicas á procura doutros pecios da armada, entre os que se atopan o bergantín de 18 canóns El Palomo, un mercante maior e unha serie de pequenas embarcacións cuxa eslora se atoparía entre os 15 e os 22 metros.
Na campaña, financiada pola FEDAS, colaborará ademais o Concello de Viveiro, a empresa Monumetría, o Seminario de Estudos Terra de Viveiro e a Armada Española.
Segundo explica a FEDAS, durante as semanas que durará a intervención arqueolóxica, a Armada enviará a Viveiro un equipo da UBUFER con base na Graña e, cando comece a frase do rastreo, reforzará os traballos dos arqueólogos cunha sonda multifaz que permitirá facer un rastreo en 3D desde a superficie aos fondos da ría. Isto permitirá ampliar a extensión da superficie a prospectar.
A investigación forma parte do Proxecto Eterna 19. Os puntos seleccionados para esta fase do plan foron seleccionados a partir dos informes británicos sobre o afundimento, a cartografía histórica e os sinais positivos que arroxou a prospección Xeofísica realizada pola empresa Argos no ano 2011, nun proxecto promovido pola Xunta de Galicia.
RUTA DA EXPEDICIÓN CÁNTABRA
Tamén Marina Viveiro e os tres clubs federados viveirenses –CAS Buceo Viveiro, CAS Costa Lugo y Mergullo Viveiro– ofrecerán apoio loxístico ao equipo de arqueólogos no seu día a día. Estes tres clubs son os que están autorizados a realizar o punto do itinerario da Ruta da Expedición Cántabra na ría de Viveiro, na que o vindeiro 1 de xuño se levará a cabo a presentación do novo pasaporte para os usuarios desta ruta, así como unha serie de actividades de promoción deste itinerario, o primeiro cultural Subacuático de Europa.
Para participar nas actividades desta xornada, os interesados débense poñer en contacto con estes clubs ou chamando despois das 19.00 horas ao teléfono 677.55.15.88.