O Xulgado do Social Número 1 de Lugo admitiu a trámite a demanda de conflito colectivo interposta pola Unión Xeral de Traballadores (UXT) contra Sargadelos polo presunto incumprimento do convenio laboral.
A situación que motiva a demanda do sindicato socialista ten relación coas 49 obreiras que entraron a traballar no últimos dous anos na fábrica de cerámica que o grupo empresarial ten en Cervo.
Segundo expón a central na súa solicitude, estas empregadas están a recibir “un trato pexorativo” por parte da empresa ao non percibir “unha das tres gratificacións extraordinarias -a de marzo-, substituta da antiga paga de beneficios, e que está recollida no convenio colectivo de aplicación”.
O pasado 2 de novembro celebrouse un acto de conciliación por este mesmo motivo que rematou sen avinza.
CC OO, CIG E A PATRONAL, CITADOS
Así, o xuíz cita ás partes demandante e demandada a un novo acto de conciliación, o vindeiro 10 de xullo ás 11.45 horas, previa ao xuízo -previsto para as 12.00- que se celebrará de non haber acordo.
O maxistrado cita en calidade de interesados ao Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CC OO), á Confederación Intersindical Galega (CIG) e á Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).
DETONANTE
As diferenzas na aplicación do convenio colectivo semellan o detonante, non a causa, do conflito laboral que estalou en Sargadelos o pasado 17 de agosto, cando o conselleiro delegado do grupo empresarial, Segismundo García, anunciou 49 despedimentos -precisamente das obreiras que se incorporaron máis recentemente- se continuaba “a presión sindical” que exercía a ex delegada da UXT, Rogelia Mariña.
A tensa relación entre a sindicalista e o empresario remontábase a anos anteriores, cun cesamento da obreira que foi frustrado pola Xustiza.
No pasado mes de agosto, García sinalou a Mariña, acusándoa de ameazalo con presentar unha demanda por conflito colectivo, mentres que a ex delegada e o sindicato resaltaron que non había nada interposto. O propio conselleiro delegado admitiu publicamente irregularidades neste aspecto. CARTA
VINTEÚN DESPEDIMENTOS
Sargadelos cesou neste contexto 21 obreiras. Seis o 17 de agosto; catro o 20; tres o día 21; outras tres o 22; dous o 24; un o 29 e outras dúas o 13 de setembro. Alomenos oito foron readmitidas. O TSXG considerou a actitude do conselleiro delegado constitutiva de vulneración da liberdade sindical.
A EX DELEGADA DA UXT, DESTITUÍDA
O pasado 14 de setembro, a asemblea de persoal de Sargadelos destituíu á sindicalista sinalada polo máximo accionista. As compañeiras de Mariña, que negaron sempre unha suposta tutela por parte do empresario, pediron ao sindicato que “non complicase máis a situación”.
A demanda da UXT aceptada a trámite polo xuíz expón que estas traballadoras “teñen un trato salarial pexorativo e discriminatorio con respecto a aquelas que fan o mesmo traballo, unicamente polo feito do seu posterior ingreso na fábrica”.