O candidato do Partido Popular (PP) á alcaldía de Viveiro, Óscar Rodríguez, mantivo este xoves unha xuntanza coas asociacións e clubs deportivos da cidade na que anunciou que porá en marcha o Servizo Municipal de Deportes.
Tal e como avanzou o cabeza de lista popular, o Servizo Municipal de Turismo contará con orzamento propio e cun técnico profesional na dirección.
Así mesmo, expoñen os populares viveirenses, constituirase un órgano consultivo representativo formado polo concelleiro de deportes, dous representantes dos CEIPS, dous de clubs de deportes individuais, dous de clubs de deportes de equipos, un representante do IES, dous de empresas colaboradoras, dous de deportistas e dous de clubs federados.
BNG DE FOZ
O BNG de Foz fixo este xoves un acto reivindicativo do saneamento da ría a bordo de dúas embarcacións, desde as que despregaron unha pancarta coa lenda ‘Rías Limpas‘. A formación nacionalista levará ao Parlamento Europeo, se a eurodeputada Ana Miranda sae elixida, esta problemática.
O candidato do partido frontista, Francisco Javier Fanego, cre que “é crucial resolver o problema do saneamento, pois non podemos estar pagando unha taxa de depuración cando non se depura e os residuos están a verterse directamente á Ría de Foz e ao mar”, manifestou. Tamén insistiu na necesidade urxente de retirar a depuradora do peirao, “buscándolle unha nova ubicación e garantindo o seu correcto funcionamento”.
Fanego propuxo a limpeza da extensión portuaria os días do mercado semanal, martes, pois “a deficiente limpeza deste espazo está xerando moitos problemas na zona, no propio porto e na propia ría, a donde van parar moitos dos residuos”.
PSOE DE ALFOZ
O alcalde e candidato do PSdeG-PSOE de Alfoz, Jorge Val, pediu o voto para “continuar co proxecto progresista” no municipio.
Nun mitin celebrado este xoves e no que participou o Senador do PSOE pola provincia de Lugo, César Mogo, e a deputada socialista no Parlamento Galego, Patricia Otero, Val afirmou que “partiamos dunha situación moi negativa, de parálise e abandono por parte do PP, pero neste mandato acondicionamos accesos, instalamos alumeados, melloramos as traídas de auga, rehabilitamos edificios públicos e ofrecemos atención profesional aos nosos maiores”.
“A nosa prioridade foron sempre as persoas e resolver os seus problemas, gobernando para todos”, reivindicou o alcaldable.
CIUDADANOS BURELA
Manuel Vicente, candidato á alcaldía por Ciudadanos Burela, comprometeuse este xoves a realizar unha auditoría “a fondo” do realizado polo actual grupo de goberno municipal.
“Burela hai tempo que ten varios problemas perentorios como a xa coñecida necesidade dun novo pavillón deportivo ou dunha nova depuradora; pero tamén ten outros non menos importantes como é a situación da alegalidade na que se atopa actualmente o cemiterio municipal; ou a máis que dubidosa xestión das concesións dos servizos de limpeza e recollida de lixos; por non falar das contas municipais”, expuxo.
BNG DE VIVEIRO
Impulsar un Protocolo de Coordinación como instrumento de actuación ante situacións de desafiuzamento da veciñanza do concello de Viveiro, “co obxectivo de dar solucións para a persoa ou familia que presenta unha situación de risco de insolvencia por un sobreendebedamento que pon en perigo manter a súa vivenda habitual”, é unha das propostas do BNG viveirense en materia de servizos sociais.
PP DE BURELA
O alcaldable do PP de Burela, Manuel Rouco, sinala que “un dos nosos obxectivos é que o noso municipio deixe de perder empresas, que se van a outros concellos, e mirar de atraer aquelas que estean pensando onde asentarse”.
Así, adiantou que “incentivaremos fiscalmente ese asentamento, acolléndonos ao programa de ‘Concellos emprendedores’ posto en marcha pola Xunta de Galicia. Para iso, traballaremos para desenvolver o solo empresarial que hai no Plano Xeral de Ordenación Municipal: o primeiro que demandan as empresas é solo para asentarse e pouco gasto fiscal”.
Para o candidato popular, os incentivos fiscais “pasan por revisar á baixa todos os impostos e taxas dependentes da entidade local que afectan á actividade empresarial”.
CxG FOZ
O candidato de Compromiso Por Galicia (CxG) á alcaldía de Foz, Damián Sánchez, aspira á creación de pistas de atletismo no concello, xa que considera que “é unha necesidade latente na Mariña Lucense dende hai anos, dende que se derrubou o complexo de Barreiros”.
Sánchez cre que “a situación en Foz das pistas estaría máis que xustificada fronte ás iniciativas de Lourenzá e Viveiro xa que a vila focega é o punto máis céntrico para os distintos clubs da comarca”.
BNG DE XOVE
O BNG de Xove, cuxa lista lidera Xosé Hermida, celebrará o venres, no salón de actos do centro cívico (20.00 horas), o peche da súa campaña electoral para as municipais.
PSOE DE FOZ
O PSOE de Foz, cuxa candidatura encabeza Fran Cajoto, asegurou que “despois de manter unha primeira rolda de contactos informal coas distintas administracións públicas afectadas reafirmámonos en que e o noso proxecto Avenida Foz Centro é unha gran aposta para vertebrar a vila”.
Un plan integral de limpeza nas parroquias, outro de eliminación de barreiras arquitectónicas ou promover solo para vivienda oficial orientada a familias novas que queiran fixar a súa residencia no municipio son algunhas das propostas dos socialistas focegos, que celebrarán a fin de campaña na Sala Bahía ás 20.30 horas.
CXG BURELA
O alcaldable de Compromiso por Galicia (CxG) Burela, José Luis Moñita, fixo fincapé nos “incumprimentos” do alcalde e candidato socialista, Alfredo Llano.
“O PSOE prometeu 40 puntos dos que 19 están incumpridos”, ademais de, engadiu, o pavillón ou a EDAR. “Sete soamente se fixeron de forma parcial e un deles non era competencia municipal. É dicir, soamente cumpriron 13 puntos dos 40 comprometidos”, afirmou. Moñita tamén sostivo que o regulamento interno do PSOE impide compaxinar cargos de Senador e alcalde.
PSOE DE BARREIROS
“Barreiros sigue igual que hai oito anos por culpa da incompetencia e desidia do alcalde do PP. Este domingo temos a oportunidade de cambiar esa dinámica. É a hora do cambio no noso Concello”, subliñou a candidata do PSOE á alcaldía, Carmen Veiga. Fíxoo no mitin celebrado este xoves, no que estivo arroupada polo Presidente da Deputación, Darío Campos, e o Senador dos socialistas pola provincia de Lugo, César Mogo.
Veiga cargou contra o rexedor e alcaldable popular, Alfonso Fuente Parga, que “non fixo absolutamente nada. Seguimos sen os saneamentos, sen a EDAR, sen a dragaxe na ría do Masma… Pero xa non engana aos veciños de Barreiros. Acabouse esta etapa de escuridade, caciquil e de amiguismos do PP”, concluíu.
FOZ PLATAFORMA DE FUTURO
O candidato á alcaldía por Foz Plataforma de Futuro, Luís Alfonso Sixto Legaspi, comprométese coa veciñanza á construción dun gran parque infantil cuberto, “para dar cobertura ás necesidades das familias que nos días de mal tempo non teñen onde levar os pequenos”.
Construír un local social para a veciñanza de Vilaxoane, único barrio do concello que non dispón dun centro destas características, e habilitar un Auditorio-Casa da Musica consensuando a súa ubicación co resto de partidos políticos da Corporación municipal son outras das propostas do partido independente.