O Xulgado de Instrución número 1 de Mondoñedo desestimou o recurso de reforma interposto pola familia da moza falecida nas Catedrais contra a decisión da xuíza de sobreser a causa ao entender que a morte foi accidental. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) deu a coñecer este xoves o auto.
O suceso ocorreu o pasado 31 de marzo, cando a rapaza, de 25 anos e natural de Valladolid, recibiu o impacto dunha rocha desprendida na cabeza cando paseaba polo interior dunha das covas do areal.
O xulgado confirma o arquivo da causa ao interpretar que non hai indicios de criminalidade e que o falecemento “foi accidental, tal e como se fai constar no informe da autopsia, e sen que as dilixencias instruídas polos axentes da Garda Civil e pola Unidade Orgánica da Policía Xudicial de Burela apuntaran sequera posibles causas constitutivas de infracción algunha”.
O recurso imposto pola familia da falecida alegaba que ese mesmo día un visitante do monumento natural avisou de desprendementos e indicaba que “estudios previos” aconsellaban o peche. O auto sinala que a advertencia do turista foi noutro punto do areal distinto a onde sucedeu o accidente e matiza que os informes foron realizados “con posterioridade” á morte da moza. Polo tanto, entende que aínda que “o peche e a evacuación poderían ter sido oportunos, non levalos a cabo non reviste relevancia penal”.
DE HABER RESPONSABILIDADE, “NON PENAL”
Segundo o auto, “aínda cando poidera considerarse que concorrera algún tipo de responsabilidade por culpa imputable ao personal da Xunta de Galicia, a mesma debera situarse extramuros do Dereito Penal”. O xulgado considera que “a falta de previsibilidade que poidese atribuírselle” tería unha entidade que pertencería “ao ámbito da responsabilidade civil”.
NON FIRME
O auto non é firme, posto que pode ser recorrido en apelación ante a Audiencia Provincial.