Viveiro terá na primeira quincena de setembro un festival da diversidade sexual. Así o confirmou o goberno local, que quere impulsar un programa de concienciación sobre a igualdade de xénero.
O proxecto parte da concellería de cultura e do Centro de Información á Muller (CIM) de Viveiro, que agardan que o encontro teña “un carácter familiar” e que incida na concienciación sobre a necesidade de respectar a pluralidade de opcións sexuais.
A edil en funcións, Lara Fernández-Noriega, remarca que se barallan actividades “tanto na Praza Maior coma nos Xardíns Noriega Varela“, aínda que o programa esta por concretar. Tamén se proxecta a organización dunhas xornadas de sensibilización sobre a diversidade sexual e igualdade de xénero, así como de talleres.
Concello e CIM aspiran a crear un programa enfocado “principalmente aos nenos, que son como esponxas e poden aprender todos eses valores de respecto que queremos transmitir”, expón Fernández-Noriega.
A aposta polo cambio a través da educación tamén se espallará aos pais, de xeito que as crianzas e menores transexuais poidan medrar en ambientes máis tolerantes coa súa condición sexual.
AS BANDEIRAS LGTB E TRANS, NOS BANCOS
A primeira iniciativa deste proxecto, a petición da asociación Chrysallis, foi o pintado de varios bancos do parque ubicado na avenida de Navia Castrillón, entre o Hotel Urban e a zona de Verxeles, coas bandeiras do colectivo Lesbianas, Gais, Bisexuais e Transexuais (LGTB) e da comunidade transxénero.
Segundo expón Fernández-Noriega, cidades como Madrid ou Oviedo xa optaron por este xeito diferente e reivindicativo de decorar parques e lugares públicos. Así, dos oito bancos do parque viveirense, dispuxéronse dous asentos coas cores da bandeiras do arco da vella e outros tantos coas do colectivo trans.
PARQUES DINÁMICOS
Ademais, o goberno local tamén promoverá entre os pequenos hábitos saudables no tocante á socialización e ao exercicio físico, coa creación de parques dinámicos. Así, debuxaranse varios xogos de rúa no chan a fin de que os pícaros “xoguen e desterren un pouco tanta máquina”, conclúe Fernández-Noriega.