O á lucense Álex Diz, procedente do Osasuna Magna Gurpea, é a primeira fichaxe do Pescados Rubén Burela FS para a vindeira tempada, a 2019-2020, na que o equipo laranxa competirá na Primeira División da Liga Nacional de Fútbol Sala (LNFS).
Trala renovación do adestrador, o alfocego Juanma Marrube, a entidade burelá segue a traballar na confección do equipo que defenderá a camisola laranxa na máxima categoría.
UN “VETERANO” NA ELITE
Malia que aínda non cumpriu os 24 anos, Alejandro Diz Teijeiro (Lugo, 13/06/1995) ten un dilatada experiencia na elite do fútbol sala español. Criouse na canteira do Ázkar Lugo para alcanzar o primeiro equipo. Na campaña 2015-2016 fichou polo Santiago Futsal, e no pasado curso vestiu a camiseta do Osasuna Magna, co que disputou a Copa de España e o play off polo título de Liga.
No curso 2018-2019 xogou 31 partidos de Liga regular, tres deles como titular, e anotou un gol.
“PROXECTO SERIO E ILUSIONANTE”
“Estou moi contento por regresar á miña terra cun proxecto moi ilusionante. O Pescados Rubén é un club serio que me mostrou moito agarimo desde o primeiro contacto”, expón Diz. O club laranxa presentará ao futbolista lucense nas próximas semanas.