As festas de Burela, na honra de San Xoán e a Virxe do Carme, remataron este mares coa homenaxe aos náufragos, realizada no porto. Representantes dos traballadores do mar e familiares participaron na ofrenda floral aos mariñeiros ausentes.
O Concello cualifica de “exitosa” esta edición das patronais, “unha das mellores dos últimos anos”. O alcalde en funcións, o socialista Alfredo Llano, felicitou á comisión organizadora polo seu traballo.
Llano destacou que as patronais deste ano “quedan marcadas como uns festexos extraordinarios, dunha participación masiva e cun tempo tamén espectacular”.
Neste senso, o rexedor burelao subliñou a cantidade de xente á que involucrou “a procesión do sábado. Foi das máis bonitas e respectuosas que lembro en 29 anos que levo aquí”, remarcou, para destacar tamén a beleza da procesión marítima.
O primeiro edil en funcións valorou que “as alfombras florais que se fixeron este ano gustaron moitísimo, cunha temática ademais na que todo o mundo se recoñece nela”.
A banda deseñada e os videoxogos, con personaxes como Asterix e Obelix, Son Goku, Mafalda ou SuperMario dominaron os orixinais tapices. “Foi un exemplo claro de como se fan as cousas cando todo o mundo quere colaborar”, asegurou.
O rexedor burelao fixo fincapé na repercusión económica das patronais, xa que “viñeron persoas de toda a comarca da Mariña Lucense, pero tamén da provincia de Lugo e da Coruña”.
AGRADECEMENTO DA COMISIÓN
A comisión agradeceu a colaboración das diferentes asociacións e colectivos do pobo que axudaron nos eventos que se desenvolveron durante as festas.
“Tamén queremos dar as grazas aos bombeiros de Barreiros, que colaboraron xunto con Protección Civil de Burela o día dos fogos artificiais, á Policía Local é á Garda Civil, que tivo presenza constante e eficaz para velar pola seguridade das persoas nos actos programados”, expuxo a agrupación organizadora nun comunicado de prensa.