O Concello de Burela anunciou que o proxecto de humanización da rúa do Horreo, que será disposta como miradoiro do porto, recibiu luz verde. A obra contará cun investimento de 120.000 euros, dos que a Xunta de Galicia achegará o 80% e o executivo municipal o 20% restante.
O alcalde en funcións de Burela salienta que a aprobación do proxecto “é unha satisfacción moi grande”, dado que “pedimos o ano pasado unha subvención á Xunta que non nos concedeu por algunha circunstancia, sen embargo este ano si que foi para adiante”.
ACTUACIÓNS
Segundo expón o alcalde en funcións, o socialista Alfredo Llano, trátase “dun obxectivo” do goberno local e “dun proxecto interesantísimo que nos parece moi bo e meritorio nunha zona que está enclavada moi preto do porto, que chama a atención, onde hai un hórreo que leva moitos anos e cunha casa moi característica”.
A intención do executivo local é “mellorar a vistosidade da rúa, perfilala como unha zona visitable e poñer un miradoiro para apreciar o porto. Fixemos un proxecto de mellora integral e de humanización desa rúa, onde se van facer obras como a separación de pluviais e residuais, unha nova canalización de auga, imos poñer unhas varandas e firme de pedra con granito silvestre que vai formar parte de toda esa estrutura no chan”, explica Llano.
PREVISIÓN DE REMATAR A OBRA NO 2020
Llano Inmediatamente que teñamos todos os papeis en regra, imos poñernos a licitar esta obra que é moi interesante e esperada. É unha iniciativa do equipo de goberno que xa tíñamos pensado realizar no ano 2018. Imos facela en dúas anualidades, unha neste ano 2019 e a outra no 2020”, precisa.