InicioCulturaArte urbana para achegarse ao feminismo en Ribadeo

Arte urbana para achegarse ao feminismo en Ribadeo

O obradoiro, que se desenvolverá do 15 ao 19 de xullo, culminará cunha pintura mural

Publicada o

- Advertisement -

Feminismo e arte urbana mestúranse nun obradoiro educativo e artístico que o Concello de Ribadeo ofrecerá do luns 15 ao venres 19 de xullo. Trátase dunha actividade dirixida a nenas e mozas a partir dos doce anos que ofrece “ferramentas” para analizar o sistema patriarcal “desde unha perspetiva crítica”.

O taller incluirá unha parte formativa, na que se realizará un achegamento á teoría de xénero, e unha creativa, que consistirá na creación dunha pintura mural arredor desta temática.

IDENTIFICAR ESTEREOTIPOS

“Abordamos conceptos teóricos a partir de experiencias e vivencias das participantes, tratando de que as sesións sexan dinámicas e participativas “, conta Bea López, educadora da consultora Arabías.

“O machismo máis benévolo e paternalista témolo moi interiorizado. É preciso rascar para chegar ao fondo”, expón a formadora, que valora a convivencia de mulleres de diferentes idades. “A diversidade sexual e afectiva está máis normalizada entre as adolescentes sen embargo nas relacións persoais séguense reproducindo os vellos estereotipos”, analiza.

Non se trata só de “reflexionar xuntas” se non tamén de “actuar” en común. A premisa serve de ponte para introducir o obradoiro artístico que completa a actividade.

MURAL FEMINISTA

O traballo teórico materializase nunha pintural mural na que se empregan técnicas da arte urbana, unha expresión cada vez extendida e aceptada pero aínda “fundamentalmente masculina” e imbuída dos “estereotipos de xénero”.  Durante dous días, as participantes farán un deseño colectivo que logo plasmarán nun espazo público cedido polo concello.

“Traballaremos con elas para concretar que queremos contar e como queremos contalo”, explica Eva Agra, unha das integrantes da cooperativa cultural 7H que se encargará de coordinar esta parte práctica. “A pintura é algo co que, en xeral, estamos familiarizadas desde pequenas e que se presta para expresar de forma rápida e eficaz as nosas ideas e reivindicacións”.

“Noutras experiencias semellantes atopamos nenas de doce ou trece anos moi concienciadas da necesidade de saír a rúa e de expresarse porque seguimos vivindo o machismo día a día”, reflexiona a ilustradora.

INSCRICIÓNS

O obradoiro forma parte da axenda das actividades de verán da Concellería de Mocidade.  As prazas son limitadas e distribuíranse segundo a orde de inscrición previa solicitude que pode realizarse presencialmente na Oficina Municipal de Información á Xuventude (OMIX) ou descargarse nesta ligazón.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...