Arrecian as críticas contra a Xunta de Galicia pola redución das axudas ao servizo de socorrismo para as praias da Mariña Lucense.
O goberno galego incentivará a contratación de oito profesionais para os areais de Barreiros, fronte aos dezanove do ano pasado. O alcalde en funcións, Alfonso Fuente Parga, confirmou que este mércores solicitara ao goberno galego a subvención ofrecida, que considera insuficiente.
“Barreiros é un concello eminentemente turístico no que fan falta entre 20 e 21 socorristas”, mantivo o rexedor, que podería ceder a alcaldía ao BNG o vindeiro sábado. O popular asegurou que “lle mostrara o seu malestar a Xunta de Galicia” pero delegou no “próximo executivo de Barreiros” a convocatoria da oferta de emprego para cubrir as outras doce prazas que estima “necesarias” con fondos propios.
Na mañá deste xoves, a candidata nacionalista á alcaldía, Ana Ermida, puxo en dúbida que a solicitude se formalizase en tempo e forma o que, dixo, “sitúa o servizo de socorrismo nun punto moi complicado”
DE DEZ A OITO SOCORRISTAS EN BURELA
O alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano, sumouse este xoves ás críticas á redución de axudas por parte do goberno galego.
O rexedor adiantou que o concello contratará dez socorristas para atender os areais do municipio -entre eles, A Marosa e Ril, con bandeira azul- durante dous meses, desde o 1 de xullo ata o 31 de agosto. Oito financiaranse con achegas autonómico, dous menos que o ano paso, e os dous con fondos da Deputación de Lugo. “Como sabemos que a Xunta non nos dá os socorristas que necesitamos, acudimos ao Plan Único para contratar dous máis”, expuxo o rexedor.
Llano criticou a merma das achegas por parte do goberno “en número e en tempo” e augurou dificultaldes para cubrir a demanda. “Os rapaces estaban contentos cos contratos de tres meses pero, agora, ao ser dous procuran outros traballos de máis rendibilidade, máis estabilidade e máis cartos”.
“Non se pode dicir por un lado que se quere o turismo e por outro limitar os medios para que os turistas poidan vir e ter garantida a seguridade nas praias”, criticou o socialista.
“SE PASA ALGO, A RESPONSABILIDADE SERÁ DA XUNTA”
O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, que xa este mércores calificaba de “miseria” os oito socorristas que financia a Xunta fronte aos dezaoito precisos, subiu o ton das críticas. “Como pase algo neste verán, non será culpa dos concellos. A responsabilidade sobre a protección das vidas será da Xunta e dos miopes que defenden ese xeito de proceder”.
O rexedor culpou ao goberno galego das dificultades dos municipios para contratar profesionais. O nacionalista considera “excesivas” as esixencias que se estableceron nos últimos anos para acceder á titulación.
“Mentres isto ocorre en Galicia vexo como os nosos veciños asturianos non teñen este problema, garantindo un servizo adecuado en canto a número e calidade do seu persoal”, comparou.
RESPOSTA DA XUNTA
Súarez Barcia formulou as críticas nunha carta enviada á Xunta de Galicia o pasado 12 de xuño. A delegación territorial respondeu demanda este xoves con outra misiva, facililitada aos medios, na que insta ao concello ribadense a solicitar os cursos de socorrismo para persoas desempregadas que financia a Consellería de Economía e Facenda.