EFE. Os concellos de Mondoñedo e Celanova recibiron este xoves os Premios Galicia Parabéns 2018 polas actuacións sobre o conxunto histórico-artístico e o Camiño de Santiago no municipio mindoniense e sobre o castelo medieval de Vilanova dos Infantes no caso do termo municipal ourensán.
O acto de entrega destes galardóns, que reparten 400.000 euros en cada categoría, divididos en dúas partidas de 200.000 euros anuais, tivo lugar no Hostal dos Reis Católicos e contou coa participación do presidente da Xunta de Galicia, o popular Alberto Núñez Feijóo, entre outras autoridades.
Celanova foi premiado na primeira categoría polo embelecemento do burgo medieval de Vilanova dos Infantes.
Mondoñedo recibiu a distinción na segunda categoría pola integración armónica do patrimonio arquitectónico, a rehabilitación de barrios de singular interese como San Lázaro e o seu “tratamento singular” sobre os tramos do Camiño do Norte que pasan polo termo municipal.
FEIJÓO: “MOSTRADES O CAMIÑO A SEGUIR”
O presidente da Xunta destacou que a responsabilidade de conservar o patrimonio “non se pode centralizar“, senón que é “un compromiso de cada galego e de cada aldea”, polo que o seu Executivo debe “impulsar e poñer en valor” a aqueles municipios que fan esta labor.
Feijóo defendeu que a paisaxe “non é só un legado que recibimos dos nosos antepasados, senón que tamén é a nosa mellor carta de presentación, e unha parte intanxible do noso selo Galicia Calidade“.
O titular do Goberno autonómico destacou que tanto Mondoñedo como Celanova “representan á Galicia real”, o que busca distinguir este premio, e mostran “o camiño a seguir” para a rehabilitación do patrimonio.
“Parece ben doado: pintar de branco roto, plantar carballos ou castiñeiros, facer barreiras vexetais e derrubar construcións en ruínas; só con estas catro cuestións veriamos unha Galicia ben diferente”, sinalou Núñez Feijóo, quen entende que isto “non é cuestión de diñeiro” senón dunha cuestión “básica”.
“Galicia ten uns sinais de identidade que permite construír unha marca, a dun turismo lento, tranquilo e sostible”, afirmou.
“Sabemos que Mondoñedo e Celanova, igual que pasou con Boqueixón e Portomarín -os galardonados na anterior edición-, serán un lugar mellor para os seus veciños e turistas despois de recibir este premio”, sostivo.
CANDIA: “É UN ORGULLO”
A alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, celebrou con “orgullo” este premio, que distingue “o traballo ben feito” do goberno municipal, que “interiorizou os principios” de Galicia Parabéns, entre os que destacou “o embelecemento da paisaxe e o fomento da sensibilidade e dos valores de participación da cidadanía”.
O alcalde de Celanova, o tamén popular José Luis Ferro, propúxolle a Candia que, “seguindo o espírito de San Rosendo -veciño de Celanova e, posteriormente, bispo de Mondoñedo e arzobispo de Santiago de Compostela-, os dous municipios avanzasen nun “irmandamento”, unha luva que recolleu a rexedora do concello mariñao, destacando a importancia da colaboración “tanto vertical como entre iguais”.
CASE O 15% DO ORZAMENTO
Cada un destes concellos recibirá 400.000 euros que poderá destinar aos seus proxectos de rehabilitación; esta suma supón entre o 10 e o 15% do orzamento que manexan habitualmente Mondoñedo, de menos de tres millóns, e Celanova, de arredor de catro.
REHABILITACIÓN DA CASA DO CONSERXE DO IES
A alcaldesa mindoniense mantivo unha xuntanza este xoves co secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Jesús Oitavén, na que o dirixente da Xunta lle confirmou que “este mesmo verán” vanse licitar as obras de rehabilitación da antiga Casa do Conserxe, no IES San Rosendo.
A actuación permitirá a posta en marcha de tres novas aulas e unha polivalente. Suporá un investimento de preto de 100.000 euros.