InicioPolíticaXornada de investidura sen sorpresas na Mariña Lucense

Xornada de investidura sen sorpresas na Mariña Lucense

En doce concellos a investidura foi un trámite e só queda pendente a toma de posesión en Burela, trala reclamación do partido de Manuel Martínez

Publicada o

- Advertisement -

Este sábado 15 de xuño, xornada disposta para os plenos de investidura en 15 dos 16 concellos da Mariña LucenseBurela deberá esperar ata xullo trala reclamación de Burela Sempre ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG)-, saldouse sen sorpresas.

En Viveiro, a socialista María Loureiro foi investida como rexedora despois de que non se presentase ningunha outra candidatura. Deste xeito, Partido Popular (PP), Por Viveiro, Son Viveiro e BNG non tiveron que pronunciarse. “O apoio dos veciños dános máis alento para seguir traballando”, expuxo a alcaldesa. O PSdeG gobernará cunha maioría simple.

Alcaldes socialistas foron elixidos coa maioría absoluta da que gozarán durante os seus mandatos en Alfoz (Jorge Val), Lourenzá (Rocío López), Ourol (José Luis Pajón), A Pontenova (Darío Campos) e Trabada (Mayra García Bermúdez).

O executivo deste último municipio contará cun executivo formado maioritariamente por mulleres, cinco de sete integrantes no goberno local. Val e Pajón gobernarán por primeira vez con maioría absoluta.

RIBADEO

En Ribadeo, o único dos municipios con grandes vilas da Mariña onde houbo maioría absoluta, o nacionalista Fernando Suárez Barcia foi reelixido como alcalde, cargo que ostenta desde 2007.

Corporación ribadense. AXM

CINCO ALCALDES DO PP

O PP mantivo o mando en cinco municipios. Suso Novo foi investido como alcalde do Vicedo, e cumprirá, de non producirse novidades durante a lexislatura, 22 anos como rexedor. Alfonso Villares e Demetrio Salgueiro tamén foron elixidos como primeiros edís coa comodidade que lles outorgaron as maiorías absolutas colleitadas nas pasadas eleccións municipais.

Pola súa banda, Clemente Iglesias (Riotorto) e Elena Candia (Mondoñedo) tamén revalidaron mandato sen sobresaltos despois de obter vantaxes abondas para gobernar en solitario.

CLEMENTE IGLESIAS COBRARÁ 2.870 EUROS MENSUAIS

O pleno de investidura de Riotorto estivo seguido doutra sesión plenaria extraordinaria para fixar o salario do alcalde. Iglesias cobrará un salario de 2.870 euros mensuais, con dúas pagas extraordinarias en xuño e decembro e os trienios correspondentes. A contía supera os 41.200 euros anuais.

O BNG criticou que “media hora despois” da investidura celebrouse unha sesión plenaria con este único punto na orde do día. Os nacionalistas riotortenses salientan que “o propio secretario municipal recoñeceu a excepcionalidade” da situación.

O novo concelleiro da formación frontista, Luis Fernández, censurou que a contía do salario do rexedor “é tres veces a renda media dos habitantes do municipio, que non chega a 13.000 euros. A vostede fanlle falta 2.870 euros malia que o PP votou en contra da suba do salario mínimo no Congreso”, argumenta. O PSOE riotortense xa denunciara “a urxencia” de Iglesias por aprobar as súas retribucións.

BURELA

Burela e Monterroso son os únicos concellos de Galicia onde non houbo sesión de investidura.

En Burela, Burela Sempre, sen representación malia obter un 6,03% dos votos, presentou recurso porque nunha das mesas non se contabilizaron os seis votos nulos que reflectía a acta. O PSdeG-PSOE obtivo seis edís, o PP catro e o BNG tres.

A presentación deste recurso non só retrasa a formación de ambas corporacións, senón tamén a constitución da Deputación.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...