O coche da rapaza de Barreiros que fica desaparecida desde o pasado xoves apareceu “perfectamente estacionado” nas inmediacións da estación de autobuses de Lugo. Así o confirmou o subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, que asegurou que “ata o sábado non houbo denuncia e presentouse ese día na comisaría da Policía Nacional por parte do pai da moza”.
Logo de atopar o vehículo, Carballo puntualizou que “todo apunta, polo que manifestou a familia, que pode ser unha marcha voluntaria, aínda que non se descartan outras posibilidades”. O subdelegado do Goberno asegurou que Jennifer Herrero González, de 22 anos, “mantiña contacto con algunha persoa do Mediterráneo -outras fontes sitúan eses contactos en Valencia-, onde pode ter unha relación”.
REVISIÓN DE MÓBILES E REDES SOCIAIS
A Policía Nacional realiza “averiguacións”, matizou, para localizar á moza mariñá coa revisión de “móbiles e redes sociais“. Aínda que a principal hipótese apunta a unha marcha voluntaria, Carballo matiza que “hai unha denuncia por desaparición e polo tanto, a Policía está a atar todos os cabos para comprobar que non se foi en contra da súa vontade”.