InicioM.ambiente e PatrimonioMondoñedo conclúe o plan municipal de prevención de incendios forestais

Mondoñedo conclúe o plan municipal de prevención de incendios forestais

O Concello aprobará provisionalmente nos próximos días o documento, previamente á súa exposición pública e validación definitiva

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Mondoñedo exporá nos vindeiros días o Plan Municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais, que aprobará trala súa exposición pública, previo informe da Dirección Xeral de Montes.

A rexedora, a popular Elena Candia, avanza que o goberno local fará visitas polas parroquias para dalo a coñecer e exporá o documento nos locais sociais, ademais de no consistorio.

OBXECTIVOS

O obxectivo principal deste documento, segundo expón o executivo municipal, é “a definición da rede de faixas secundarias de xestión de biomasa“, e garantir “o control e a eliminación total ou parcial da biomasa forestal mediante técnicas silvícolas axeitadas coa fin principal de reducir o risco de incendio e protexer a seguridade das persoas”.

MEDIDAS

Estas finalidades concrétanse nunha serie de accións sobre o territorio que buscan organizar a xestión da biomasa en zonas estratéxicas, especialmente aquelas declaradas de alto risco de incendio, ademais da construción e mantemento de faixas exteriores de protección de zonas poboadas, así como o tratamento de áreas forestais nun esquema de intervención segundo modelos silvícolas previamente establecidos no ámbito da defensa de persoas e bens e da defensa dos montes.

O plan establece as medidas a tomar para a xestión da biomasa, a definición das redes secundarias de faixas, perimetral ao solo urbano, núcleo rural e urbanizable e arredor das edificación destinadas ás persoas, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e parques e instalacións industriais situadas a menos de 400 metros do monte e arredor das edificacións illadas destinadas ás persoas. Tamén medidas para a xestión da biomasa en pistas, vías, camiños e estradas de titularidade municipal, así como nos montes municipais.

OBRIGAS DOS PROPIETARIOS

As persoas propietarias teñen a obriga de manter limpos de maleza os terreos arredor das súas vivendas para previr incendios, así como gardar unha distancia ás plantacións forestais.

Fóra de solo urbano ou rural, establécese a distancia de 15 metros con edificacións, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, parques e instalacións industriais no caso de que se empreguen especies de frondosas caducifolias, e 50 metros no resto das especies.

É obriga do propietario manter limpa a zona antes do 31 de maio de cada ano.

RECOMENDACIÓNS

Entre os consellos para os titulares, recoméndase manter unha franxa libre de vexetación de polo menos dous metros arredor das fachadas e de dez metros libre de árbores; favorecer a discontinuidade vertical e horizontal do combustible vexetal e manter as árbores separados e podados ata 3,5 metros de altura; ou protexer a cheminea para evitar que entren na casa faíscas ardendo.

1,80 INCENDIOS AO ANO

O Plan Especial de Protección Civil ante Emerxencias por Incendios Forestais na Comunidade Autónoma de Galicia (Peifoga) indica que o índice de risco potencial para o concello é alto, pero non está declarado como zona de alto risco.

No período 2008-2017 Mondoñedo presenta unha media de 1,80 incendios ao ano e 1,91 hectáreas/ano queimadas. O número de incendios forestais foi de 18, queimando un total de 19,11 hectáreas; 3,31 arboradas e 15,80 rasas. Non hai declarada ningunha parroquia de alta actividade incendiaria segundo o Pladiga 2019.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...