EFE. Toda a poboación galega respirou aire contaminado en 2018, segundo un informe de Ecoloxistas en Acción sobre a calidade do aire no Estado español durante o pasado ano, que revela que os 2,7 millóns de habitantes de Galicia estiveron expostos en 2018 a uns niveis de contaminación que “superan as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS)”.
Ademais, detallou este martes a entidade nun comunicado, un tercio do territorio de Galicia rexistrou unha contaminación do aire que prexudica a vexetación.
MÁIS DE 50 ESTACIÓNS DE MEDICIÓN
O estudo elaborado por Ecoloxistas en Acción inclúe datos recollidos en 54 estacións oficiais de medición instaladas en Galicia.
DIÓXIDO DE CARBONO
Entre as súas conclusións máis destacadas figura que a estación do porto da Coruña detectou aire contaminado por riba dos límites legais -en relación ao dióxido de nitróxeno-, e superáronse os valores medios anuais e/ou diarios recomendados nas áreas metropolitanas da cidade coruñesa, de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo.
Tamén sostén que durante 2018 superouse a concentración media diaria de dióxido de azufre nas zonas máis influenciadas polas emisións deste contaminante na área industrial e portuaria de Arteixo ou en Alcoa San Cibrao.
OZONO TROPOSFÉRICO
No tocante ao ozono troposférico ou malo, a poboación das áreas metropolitanas da Coruña, Ferrol, Santiago e Vigo estiveron expostas a concentracións de ozono perigosas para a saúde.
Na Coruña, continúa Ecoloxistas en Acción, alcanzouse por segundo ano consecutivo o obxectivo legal anual establecido para o benzo(a)pireno, un hidrocarburo aromático policíclico (HAP), e na estación de Riazor rexistrouse o segundo valor máis alto de todo o Estado español para este contaminante canceríxeno.
PROPOSTAS
Ecoloxistas en Acción propón como medidas de choque diminuír o tráfico motorizado, potenciar o transporte público, a bicicleta e o tránsito peatonal; promover o aforro enerxético, pechar as centrales de carbón, adoptar mellores técnicas industriais dispoñibles e penalizar o combustible e os vehículos diésel.