O Concello de Barreiros organizará este sábado a primeira Xornada de Voluntariado Verde, unha cita que ten por obxecto o adecentamento de espazos verdes do municipio, así como doutros lugares de esparexemento.
A alcaldesa, a nacionalista Ana Ermida, explica que nesta primeira ocasión, coincidindo co comezo da época estival, será a zona de praias o lugar no que se desenvolverá esta actividade, mais prevese continuar por outras, tanto de importancia turística como a contorna do Camiño de Santiago, como por zonas residenciais habituais.
En palabras de Ermida, “case todas as persoas podemos poñer o noso grao de area contribuíndo a crear un mellor espazo de convivencia. Neste caso, tamén pola situación de deixadez na que se atopa o noso municipio e a imposibilidade de facerlle fronte con máis premura e medios, consideramos que esta debía ser a primeira acción do voluntariado, pois todas as persoas podemos ser usuarias destes espazos e agradecemos cando os atopamos en bo estado”, expón a rexedora.
Desde o Concello prevese tamén continuar nesta liña de mantemento de espazos limpos mediante labores de concienciación e sensibilización co medio ambiente, especialmente no que respecta á recollida de residuos, e de forma máis inminente e insistente na zona de praias e en período estival, debido ao elevado volume de persoas que fai uso destas zonas.
REDE LOCAL DE VOLUNTARIADO
Con esta primeira acción, o Concello de Barreiros quere reimpulsar a xa existente Rede Local de Voluntariado. Cabe a posibilidade de tomar parte noutras actividades relacionadas coa dinamización social ou a asistencia e colaboración con persoas maiores ou en situación de dependencia. Calquera persoa que desexe participar, indican desde o goberno local, poderá facelo en todos aqueles ámbitos que queira.
INSCRICIÓNS
Desde o Concello animan a tomar parte nesta acción e, tal e como apunta Ana Ermida, “facemos falta todas e todos para que Barreiros volva brillar. Hai moitos veciños que nos están a trasladar a súa disposición a colaborar, e o que se pretende é aproveitar este voluntarismo en beneficio de Barreiros”.
O prazo para anotarse no grupo de voluntariado xa está aberto. Pode facerse de forma presencial no Concello, no teléfono 982.12.40.02, ou online, pinchando aquí. As persoas que desexen solicitar máis información poden facelo escribindo a info@concellodebarreiros.com.