A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo (Acisa) organizará o vindeiro sábado ‘Xoga e aprende con Acisa‘, un obradoiro de aprendizaxe sobre o comercio local dirixido a nenos e nenas a partir de tres anos. A actividade, de balde, celebrarase de 11.30 a 14.00 horas no centro de ocio infantil Con Sentidiño.
ULIR, TOCAR
Ao longo da xornada lúdica e educativa, os nenos e nenas sairán á rúa para visitar distintos comercios de Ribadeo. Así, observarán de primeira man as vantaxes de mercar no comercio local. Nas tendas poderán ulir, tocar e comprobar a calidade dos bens que consumen, algo imposible de facer por internet.
MERCADO
Ademais, no centro disporase un mercado para que os nenos xoguen a mercar e vender, de xeito que podan comprender a importancia de tratar ben aos clientes, un trato que proporciona como ningún outro o comercio de proximidade. Tamén haberá xogos referentes ás compras por internet, que servirán para entender as vantaxes e desvantaxes que ofrece esta posibilidade.
“DIVERTIRSE E APRENDER”
O presidente do colectivo de comerciantes, Francisco Iriarte, sinala que o fin do taller “é ensinar aos máis pequenos a importancia de mercar no comercio local e as diferenzas que supoñen apostar por negocios de proximidade. Grazas aos profesionais do centro infantil, a actividade será dinámica, divertida e dará a oportunidade aos participantes de aprender moito sobre o comercio local”.
Acisa convida “a todos os pais e nais a levar aos seus fillos, xa que se divertirán á vez que aprenden, e ademais poderán gozar dunha mañá sen preocuparse polos pequenos da casa”.