O Concello de Cervo expuxo este venres as novas áreas de goberno do executivo resultante das eleccións locais celebradas o pasado 26 de maio.
O alcalde, o popular Alfonso Villares, será o encargado das diferentes delegacións. A tenente de alcalde, Dolores García Caramés, levará Facenda, Educación, Cultura e Patrimonio. O pleno de organización será o xoves.
Manuela Méndez ocuparase das áreas de Medio Ambiente, Obras e Infraestruturas, Sanidade e Policía Local.
David Rodríguez Pernas responsabilizarase de Deportes, Turismo e Formación e Emprego serán responsabilidade
Alfredo Fernández Casas ostentará as competencias en Réxime Interior, Zona Rural e Protección Civil.
Denise Galán encargarase de Xuventude e Ecoloxía. Esta última é a principal novidade no tocante ás delegacións municipais, xa que se crea para este mandato.
Finalmente, Pilar Armada será a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade.
CAMPAÑAS DE VOLUNTARIADO
Villares subliña que a área específica de Ecoloxía servirá para “reforzar a política de concienciación ambiental. Incidiremos especialmente en buscar a complicidade e a implicación da veciñanza a través de diferentes campañas de voluntariado enfocadas ao fomento da reciclaxe ou ao benestar animal”, expón.
Esta delegación tamén engloba a continuación do plan de reforestación con autóctonas nos montes municipais ou as campañas de compostaxe doméstica.
CREADA NA PASADA LEXISLATURA
O rexedor destaca tamén que a área de Patrimonio, creada no ecuador da pasada lexislatura, “seguirá a ter un peso determinante”. García Caramés collerá o relevo de Alfredo Fernández como responsable desta delegación. Neste senso, destaca “a posta en marcha do centro de emprendemento de Sargadelos ou os pasos dados para a posta en valor do castro da Atalaia”.
GARCÍA CARAMÉS, PRIMEIRA TENENTE DE ALCALDE
García Caramés será a primeira tenente de alcalde, mentres que Pilar Armada exercerá como segunda tenente de alcalde, sendo o terceiro posto para Denise Galán.
DEDICACIÓNS
Polo de agora, o goberno local cervense non adianta as dedicacións coas que contará no vindeiro mandato. Na pasada lexislatura houbo unha exclusiva, a do rexedor, e tres parciais.