A nova área de servizo que está a construír a carón da Autovía do Cantábrico (A-8) Carlos Folgueira, propietario de O Rei das Tartas, terá un punto de información turística de Mondoñedo. Así o acordaron o responsable da empresa e a alcaldesa do municipio, Elena Candia.
Para a rexedora local trátase “dunha noticia moi satisfactoria”, xa que está situada nunha das principais vías de comunicación non só da provincia, senón tamén de Galicia, ao conectar A Mariña Lucense e Lugo con Asturias e o resto da comunidade.
Os obras do novo proxecto empresarial atópanse nun elevado grao de execución e dispoñen dun orzamento de arredor dos 1,3 millóns de euros.
O punto de información súmase así ao resto de servizos que prestará esta instalación como son o de repostaxe as 24 horas, restaurantes con terrazas na parte inferior e superior, parques e unha ampla zona de aparcadoiro para camións e todo tipo de vehículos.
DOCE POSTOS DE TRABALLO
Neste senso, Candia subliña “a forte aposta” do empresario, pois a entrada en funcionamento desta área tamén supón a creación de máis dunha ducia de postos de traballo.