A Plataforma na Defensa da Sanidade da Mariña denunciou o caso dunha paciente cunha artrosis no ombreiro dereito que foi derivada polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) a un centro privado para a operación que precisaba e que só recibiu seguimento da intervención cirúrxica tras presentar unha reclamación ante a Valedora do Pobo.
O colectivo expón que a paciente, L. M. R., de Rinlo, pasou polo quirófano en xaneiro de 2018, unha intervención máis complexa do previsto, xa que a doenza afectaba ao labrum da articulación do ombreiro. A doente foi citada para retirar os puntos e, aos dous meses, para un control postcirúrxico. Despois desta consulta soubo que rematara o proceso, posto que, segundo denuncia a plataforma sanitaria mariñá, o Sergas só ten pactada unha revisión das intervencións que deriva aos centros privados.
Segundo asegura a plataforma, a paciente pediu daquela cita para revisión con Traumatoloxía, solicitude denegada posto que no informe do centro onde foi operada non especificaba que tiña que ter seguimento médico. A doente contactou entón coa Valedora do Pobo, que admitiu a súa reclamación.
Finalmente, a paciente recibiu cita de control e seguimento do seu proceso para o vindeiro 22 de xuño no servizo de Traumatoloxía do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).
O colectivo mariñao considera “vergoñenta” a situación e asegura que se trata dun caso de “corrupción sanitaria”.
VALADOURO E ALFOZ RECLAMAN PEDIATRA
Veciños e veciñas dos municipios de Valadouro e Alfoz solicitaron no centro de saúde valadourense, a onde se desprazou a unidade de asesoramento ás reclamacións da plataforma sanitaria, un servizo de Pediatría para a zona. Na actualidade, deben desprazarse ata Foz, onde hai unha soa profesional con reducción de xornada.