CIG Saúde A Mariña denunciou este luns que o Hospital da Mariña estará sen a única traballadora social coa que conta “durante os meses de xullo e agosto”. O sindicato critica que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) non cubra a súa ausencia “a pesar de existir persoas dispoñibles nas listas de contratación autonómica”.
A central nacionalista advirte que estas profesionais cumpren un “papel esencial e imprescindible no ámbito sanitario” xa que, argumentan, “dan reposta a toda a problemática dos colectivos de maior vunerabilidade”.
Así, explican, as traballadoras sociais encárganse de “persoas en situación de abondono nos hospitais” ou “en situación de desprotección con grave risco para a súa integridade”.
MÁIS PROFESIONAIS
A CIG lembra que se trata de casos “de emerxencia social cun crecemento expoñencial nos últimos anos” polo que entende que, máis aló de cubrir a vacante, se debería dotar o Hospital, como mínimo, dunha segunda profesional.
Neste senso, o sindicato esixe outras “unha revisión de ratios na atención hospitalaria” e a dotación de profesionais desta área nos centros de saúde mental, de orientación familiar e atención temperá, así como nos centros de saúde.
O SERGAS ALEGA QUE “SE ATENDERÁN AS INCIDENCIAS”
En relación co exposto pola central galega, o Sergas explica que “o servizo non quedará desatendido”. Alega que “incidencias que xurdan no ámbito do traballo social serán abordadas por profesionais de estruturas do sistema sanitario público”.