Mónica Freire Rancaño, concelleira en Ribadeo, será a deputada do Bloque Nacionalista Galego (BNG) polo Partido Xudicial de Mondoñedo. Así o aprobou a formación frontista nunha asemblea celebrada este xoves en Foz.
Freire Rancaño, terceira tenente de alcalde de Ribadeo, terá no presente mandato as competencias en servizos sociais e obras. Presentouse por primeira vez aos comicios locais co BNG ribadense o pasado 26 de maio.
Antes, a deputada do BNG foi candidata nacionalista á alcaldía da Pontenova en 2011 e 2015. Traballa no centro de experimentación e investigación agraria Pedro Murias de Vilaframil.
SUPLENTES
A proposta aprobada pola militancia inclúe ao concelleiro focego Francisco Xavier Fanego como primeiro suplente, con Rocío López Pacio (da Pastoriza) en segundo lugar e o edil burelao Mario Pillado na terceira suplencia.