Xove celebra o vindeiro 20 de xullo a oitava edición da Festa do Percebe, que terá a Praza do Concello como punto de encontro. A organización instalará unha carpa na que o crustáceo comezará a servirse a partir das 12.00 horas.
A ración máis o prato conmemorativo do evento custarán 15 euros. O marisco poderá acompañarse dunha botella de viño albariño por seis euros. Tamén se ofrecerá a posibilidade de degustar racións de xamón cocido a dez euros.
MÁIS DE 400 QUILOS
“O éxito acadado nas edicións anteriores animounos a repetir a experiencia”, sinalan desde a Asociación de Festexos A Medorra, que organiza a cita en colaboración co Concello e o GALP A Mariña Ortegal. Na pasada edición repartíronse máis de 400 quilos do marisco.
A degustación gastronómica animarase con música nas rúas a cargo da charanga Os Charangos, que percorrerán as rúas da vila, e cunha discomovil que amenizarán a xornada.
OBRADOIROS E UNHA EXPOSICIÓN
A riqueza biolóxica e gastronómica do litoral xovense centrará os obradoiros que se organizarán durante a tarde para entreter aos máis pequenos.
Desde o pasado luns e ata o 28 de xullo pode visitarse na Sala de Exposicións do Concello a mostra “O percebe e o seu ecosistema”.