O Concello de Foz confirmou este xoves que ampliará a actividade da praia de Rapadoira aos xardíns de Prado de Ramos, ubicados na contorna do areal. Así, permitirá o uso de útiles como cadeiras, toallas ou parasois, aínda que non acampar.
O goberno local asegura nun comunicado que “apostaremos pola cordura e a responsabilidade” dos usuarios “ampliando a actividade do areal aos seus espazos verdes limítrofes”.
Así, veciños e turistas poderán sentar nos xardíns ou utilizalos para poñerse á sombra, aínda que o executivo municipal advirte de que “traballará” para “evitar as acampadas”. Polo de agora non se concretan medidas nin sancións a adoptar para acadar esta fin.
LUGAR “EMBLEMÁTICO” DE XUNTANZA
O goberno local sinala que recupera así “un lugar emblemático de xuntanza e da historia do noso municipio”, co obxectivo de ofrecer “un turismo de calidade, pero para todos”. Nesa mesma contorna da Rapadoira inaugurouse no pasado mes de maio un hotel de catro estrelas.
PROMESA ELECTORAL
Segundo expón o Concello, trátase dunha das promesas do programa electoral socialista, “que cumpriu a pasada semana coa volta das rúas do centro de Foz ao seu sentido de circulación tradicional”.
PIDEN “RESPECTO” AOS BAÑISTAS
O goberno local pide “prudencia” aos bañistas e “respecto” ás indicacións dos equipos de socorrismo.