Viveiro regresará ao Renacemento este venres (21.00 horas) cun desembarco que congregará a centos de persoas na zona dos Castelos, na praia de Covas, para vivir unha escena doutra época, que non pretende recrear de xeito fiel a Historia senón levar ao espectador a un momento que puido ter sucedido centos de anos atrás.
Malia que a programación xa comezou con varias actividades, o desembarco de Carlos I de España e V de Alemaña na praia urbana de Viveiro será o punto de partida da décimo segunda edición do Mercado Renacentista.
Non se trata da recreación dun feito histórico, pois segundo as evidencias o emperador nunca pisou a Cidade do Landro, pero a organización da festa permítese a licenza de soñar para intentar facer soñar aos espectadores.
“Temos claro que Carlos V nunca estivo en Viveiro. Hai unha parte de ficción, pero non nos parece mal darlle un halo de fantasía”, admite a edil de cultura, Lara Fernández-Noriega, actriz de profesión e responsable do impulso que a teatralización do desembarco tivo nos últimos catro anos.
AS CATRO LINAXES, PUNTO DE PARTIDA
“Si hai a parte real das catro linaxes; Vizoso, Páez de Cora, Alfeirán e Gallo. Cada ano, unha delas ostentaba o poder no municipio. Así que nos pareceu bonito imaxinar que o propio emperador decidira cal delas debía ser”, afonda a concelleira.
Fernández-Noriega salienta que “si hai un nexo de unión de Carlos V con Viveiro. Cando incendios asolaron a cidade, condonou a débeda durante tres anos e os viveirenses agradecéronllo coa porta que leva o seu nome“, explica.
A intención do executivo municipal é darlle á festa “un halo cultural e dar coñecer cultura renacentista. Que a xente coñeza a época que se está a celebrar”, salienta a edil, que aspira a que os festexos sexan recoñecidos como Festa de Interese Turístico Galego.
OS ACTORES, VECIÑOS DE ENTRE OITO E 64 ANOS
Para o recoñecemento, a participación das asociacións é un requisito imprescindible. Así o cumpre o Mercado Renacentista, que reúne na escenificación do desembarco a integrantes dos colectivos Sala 5, -que realizarán danza do ventre-, a Confraría da Piedade -que fará soar os tambores-, Pequenos Pasos de Landrove, Grupo Teatro Crea, Andanzas, Aspanane ou Bágoas da Terra, que preparará o recibimento ao emperador no casco.
Un dos principais atractivos da representación da chegada de Carlos V á vila é que os encargados de dar vida a personaxes históricos da talla do emperador ou da súa nai, Xoana I de Castela (coñecida como “a tola”), son os propios veciños.
Arredor dun cento de persoas se involucra desinteresadamente no evento. Deste xeito, descobren unha parte do pasado do seu concello e tamén contribúen a perpetuar unha festa que ten vocación de permanencia.
Actores e actrices de entre oito e 64 anos participarán no desembarco. “Temos xente con todas as idades, nenos e maiores, persoas con diversidade funcional. Dase unha convivencia moi boa entre as asociacións. Estamos abertos á participación de quen queira”, remarca Fernández-Noriega, que dirixe o elenco.
Así, entre outros, Víctor Rolle interpretará a Carlos V; Olga Méndez, a Xoana a Tola; Rosa Lage, a Isabel de Portugal; Rubén Pico, ao maiordomo da raíña. Para esta edición haberá unha incorporación de excepción; o historiador Suso Martínez recreará a Juan Ares Vizoso, procurador da vila. Farao antes de ofrecer, ao remate da escenificación, unha visita guiada nocturna polo Viveiro renacentista.
XENTE VESTIDA AO XEITO MEDIEVAL POLAS RÚAS
Obdulia Pereira, do colectivo Pequenos Pasos, resalta a implicación dos viveirenses na festa. “Hai moitísima xente vestida ao xeito renacentista polas rúas, o que fai que haxa un gran ambiente”, sinala.
Xustamente, a xente da agrupación que participa na escenificación -este ano, dez persoas que interpretarán a membros das distintas familias- tenta mellorar “cada ano o vestiario, incorporar algunha cousa nova”, explica.
VIVEIRO, “OUTRO PERSONAXE MÁIS”
Rolle remarca que Viveiro, “desde Os Castelos ata a Praza Maior“, onde remata a teatralización, “é outro personaxe máis pola súa beleza”. O encargado de poñerse na pel de Carlos V subliña a importancia “de festas alternativas cun contido cultural” que axuden “a recordar un pedaciño desta vila e da súa Historia un pouco olvidada”.
XUSTAS
O papel dos profesionais queda para as xustas, os torneos a cabalo que realizarán Legend Especialistas.
VELEIRO
Fernández-Noriega espera que, ademais do elenco, que ensaia desde hai meses, brille tamén no anoitecer a contorna -“é un paraxe idílico”, remarca- e o propio veleiro que alquilan en Foz. O que deixará na praia a Carlos V, que pisará por un día “a moi nobre e moi leal” cidade de Viveiro.