O Mercado Renacentista de Viveiro congregou un ano máis a centos de persoas na Cidade do Landro para vivir un ambiente doutra época que fixo as delicias de grandes e pequenos.
O desembarco de Carlos V, o pasado venres, reuniu a unha multitude na praia de Covas para presenciar unha escena de fantasía -xa que o emperador nunca pisou a vila- recreada por case un cento de veciños. O monarca, encarnado por Víctor Rolle, achegouse á Mariña Lucense para decidir que familia da nobreza viveirense –Vizoso, Páez de Cora, Alfeirán e Gallo- ostentará o poder ata a vindeira edición do Mercado.
Postos de queixos, especias, pans e empanadas, xamóns e embutidos, conservas, xoguetes artesáns, xoiería, xabóns e ambientadores, cerámica, obxectos de coiro ou de roupa ateigaron as rúas do casco histórico cunha variada oferta.
PERCORRIDO POLOS MONUMENTOS DA ÉPOCA
O sábado, os viveirenses volveron comer nas rúas do centro monumental como xa é costume desde hai doce anos. Completaron o programa do mercado un sinfín de actividades e actuacións na rúa, ademais de visitas teatralizadas polo Viveiro renacentista.
O historiador Suso Martínez encargouse de mostrar os atractivos de Viveiro a turistas e tamén a moitos locais que coñeceron mellor o pasado da súa vila. Especialmente concorrida foi o percorrido nocturno do venres.