A Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE) distribuirá este martes, 16 de xullo, 5,5 millóns de cupóns dedicados ao polbo para impulsar o consumo desta especie.
Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores,
da Federación Provincial de Lugo e patrón maior de Burela, e Manuel Martínez Pan,
delegado territorial da ONCE en Galicia, presentaron esta iniciativa no porto burelao.
O acto contou tamén coa presenza do alcalde de Burela, Alfredo Llano, do xefe
territorial da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, Pablo Fernández Asensio, e da directora da ONCE en Lugo, Eva Lorente.
CATRO DÍAS, CATRO ESPECIES
“Impulsar o consumo de peixe” é o obxectivo dunha campaña que constará de catro cupóns que a ONCE sorteará os días 15, 16, 17 e 18 de xullo, tralo acordo firmado entre o Grupo Social ONCE e a Federación Nacional de Confrarías de Pescadores. Un total de 22 millóns de cupóns (cinco millóns e medio cada día), promoverán o consumo de varias especies mariñas.
O cupón do luns 15 de xullo está adicado ao atún vermello. O polbo será o protagonista do cupón do martes 16. Trátase dun molusco cefalópodo e octópodo que vive nos fondos rochosos das zonas litorais, entre rochas e pedras. Con gran valor culinario, aliméntase de pequenos crustáceos, aporta minerais e é rico en vitaminas do grupo B.
A SÚA PESCA, UNHA ARTE
A pesca do polbo é unha auténtica arte en Galicia, onde a forma máis empregada polos
pescadores para capturalo son as nasas, un tipo de pesca sostible no que tódalas pezas
que entran e non dan a talla mínima, devólvense vivas ao mar.
O cupón do mércores 17 está adicado á sardiña, un peixe azul que pertence á familia dos
clupeidos e é un dos grupos de peixes peláxicos máis abundantes. Rica en Omega3, aporta fósforo, selenio, iodo, ferro e magnesio, ademais de vitamina do grupo B.
A serie péchase o xoves 18 co cupón adicado ao consumo de sama de pluma, un peixe
que pertence á familia dos espáridos, moi frecuente nas costas das illas Canarias.
MÁIS DE 50.000 TRABALLADORES DO MAR EN ESPAÑA
A Federación Nacional de Confrarías de Pescadores conta na actualidade con 198
pósitos, 10.000 embarcacións e máis de 50.000 traballadores vinculados.
Para Otero, este acordo supón “un grande impulso”, tanto debido á distribución do cupón, que chega cada día a máis de cinco millóns de persoas, como ao prestixio de vincular a imaxe das confrarías españolas a unha entidade tan recoñecida como é a ONCE. Ademais “non só da a coñecer a labor dos nosos pescadores, senón que tamén se promove a saúde a nivel alimenticio co consumo de peixe”, sostén.
COLABORACIÓN
O acordo entre o Grupo Social ONCE e a Federación Nacional de Confrarías de Pescadores
conta entre os seus obxectivos promover a mellora da calidade de vida das persoas con
discapacidade a través do intercambio de experiencias e o impulso de proxectos conxuntos.
Entre as liñas de actuación do convenio figuran as dirixidas a fomentar a integración laboral destas personas, a accesibilidade universal e o deseño para toda a
cidadanía, a promoción das compras socialmente responsables, a sensibilización en torno á
discapacidade e a divulgación da importancia do consumo de peixe, entre outras.
De feito esta non é a primeira colaboración da Federación Provincial de Cofradías de
Pescadores de Lugo co Grupo ONCE, xa que hai dous meses presentábase a adaptación
da súa campaña de difusión da cultura mariñeira “Cando o Como?” á linguaxe apta para invidentes.
Esta iniciativa facilita que as persoas invidentes poidan coñecer tamén na súa
páxina web diferentes especies de peixes e mariscos e o seu período preferente de
consumo, de forma que cun lector de pantalla poidan interpretar ese contido de maneira sonora.